Dende 1999, o primeiro venres de outubro celébrase o Día Mundial do Sorriso. Eu non recordo que nos anos de bonanza económica se falase tanto dos beneficios de sorrir. Teño a impresión de que agora calquera remedio parece bo para animar ao persoal.
Din que sorrir non só beneficia as relacións sociais senón que é bo para a propia saúde física, social e mental. O psiquiatra Rojas Marcos afirma que «sorrimos porque estamos alegres e estamos alegres porque sorrimos», o que, no fondo, vén dicir que somos tan estúpidos que polo simple feito de mover determinados músculos faciais nos alegramos. En fin...
Non sempre o sorriso produce beneficios sociais. Eu lémbrome do sorriso de Txapote e Amaia, os asasinos de Miguel Ángel Blanco, sorrindo no xuízo mentres a nai da vítima choraba evocando a morte de seu fillo; e daquel chamado shériff Ginés, xefe da Policía Local de Coslada e presunto xefe dunha banda de axentes que participaba de forma directa no negocio da prostitución e na extorsión a propietarios de locais de ocio, sorrindo abertamente cando o levaban detido; e de tantos outros sorrisos de impunidade que temos visto ultimamente nos xuízos por corrupción.
E tampouco me gusta o sorriso profesional. Eu diría que non necesitamos sorrisos senón eficacia. E aguante. Menos sorriso e máis traballar e tirar para diante. E, se o queren facer sorrindo, mal non fai.