A gratuidade dos libros de texto

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

01 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O Partido Popular considera positiva a idea de crear un sistema gratuíto de préstamo de libros de texto nos centros educativos, instando ao Goberno e ás comunidades autónomas a establecelo. Así o manifestou o seu portavoz no Congreso, diante dunha iniciativa parlamentaria de Unión Progreso y Democracia (UPyD) baseada, á súa vez, na proposta dunha nai que conseguiu 265.000 sinaturas de apoio. Engadiu, non obstante, o representante do PP, que este proxecto pode crear problemas de competencias coas comunidades autónomas. De feito, estas atópanse divididas entre o aproveitamento dos libros ou as axudas en función da renda. Galicia foi pioneira, no ano 2003, iniciando a gratuidade total co sistema de préstamo. O actual Goberno cambiouna por unha modalidade de axudas ás familias, xustificada pola crise económica.

Sen embargo, a tendencia xeral pasa por aproveitar os textos ou combinar este sistema, como solución ideal, coas axudas á compra. Así o destacou tamén o Defensor del Pueblo, quen recomendou a todas as Administracións educativas que, como ocorre en varios países da Unión Europea, fomenten a reutilización dos libros de texto, non só por razóns económicas, senón tamén para potenciar valores de respecto, bo uso e conservación dos mesmos. Ademais, este sistema garante o precepto constitucional de gratuidade da educación básica. Neste sentido, considerar que os máis ricos poden pagar os libros de texto, supón que tamén poden abonar a parte que lles corresponde dos soldos dos profesores ou mesmo dos custos de mantemento dos centros educativos. A gratuidade será total cando os servizos que son imprescindibles para cursar as etapas da educación básica estean cubertos totalmente polas Administracións públicas. O problema está en delimitar, con claridade, cales e en que circunstancias son ou non imprescindibles.

A citada iniciativa propón tamén que os textos e materiais didácticos non poidan ser substituídos por outros en, polo menos, cinco cursos. A Xunta xa se ten adiantado a esta suxestión pois aprobou en maio unha orde pola que este período pasa de catro a seis anos académicos. Con elo contribúese a permitir o uso dos libros por varios membros da familia e, xa que logo, a fomentar o coidado dos mesmos. En calquera caso, coincido con UPyD e PP en que unha das medidas máis importantes para o aforro e a modernización do sistema educativo, é o desenvolvemento de materiais didácticos dixitais, gratuítos e homologados polas Administracións educativas, para alumnos e profesores. E nesta tarefa imos moi lentos, en comparación coa velocidade de implantación das novas tecnoloxías na sociedade.