N on é ningunha novidade constatar que é característica do sistema a redución sistemática do custe directo e indirecto da forza de traballo. Foino sempre e seguirá séndoo. É un dogma neoliberal intocable do que en España, e da man do Goberno actual, empezamos a saber algo. Tampouco o anterior estivo libre da mesma eiva.
Como é ben sabido, hoxe temos sacado o sentido económico ao servizo das persoas para poñelo ao servizo do capitalismo financeiro. O que isto nos leva costado a todos é coñecido, en liñas xerais, se ben non en supostos concretos, por máis que ninguén pode descoñecer que se trata de cifras astronómicas, tanto as débedas do capital financeiro como as achegas do común para reintegralas. Unha vez máis, e non será a última, os pobres financiando os negocios dos ricos.
As empresas que din dedicarse a combater a pobreza, e que se presentan como motores do desenvolvemento, o que fan é «xestionar e facer rendible a pobreza de acordo con criterios do mercado», e constitúen, no dicir de M. Romero e P. Ramiro, un dos mellores negocios do século XXI. Ao seus estudos me remito.
Non sabemos canto nos custa, e nos seguirá custando, o que nos levan rabenado en sanidade, ensino e pensións. Pero si sabemos quen poden ser os beneficiarios verdadeiros, porque tamén sabemos que pola sanidade, ensino e pensións devece o capital en procura do máximo beneficio co mínimo custe.
Por iso, a ninguén pode estrañar que na Unión Europea, antes da actual crise, houbese 80 millóns de persoas vivindo na pobreza e que no 2010 chegasen a 115 millóns. En España esta cifra xa pasa do 25 por cento da súa poboación. Paréceme que non ten dúbida a conclusión dos profesores antes citados: a pobreza é un dos mellores negocios deste século.