Quero ver os debuxos animados. Por necesidade, polo contido. Cando era pequena había un espazo infantil que indicaba o que era grande e pequeno, diante e detrás, arriba e abaixo, branco e negro, aquí e alí... en definitiva: A ou B. Volvamos aos debuxos animados, e a esas leccións básicas. Todos. Non me importa que me traten coma a unha nena, porque sei distinguir entre dereita e esquerda, preto e lonxe. Pero non me traten coma se fose parva.
De nada me serve que fagan pública a declaración da renda dos dirixentes. A declaración A das súas contas está clara. O que estamos a preguntar é polo financiamento en B. E dende ben pequenos sabemos que A e B non son o mesmo. Así que non sigan tomándonos o pelo, sexamos serios, coma o son os cativos. Se eu pregunto por B, non me ensinen A, que de nada vale. Lóxica natural e intuitiva.
Polo mesmo caso, cando a un partido se lle está a preguntar polo caso Bárcenas, é moi sorprendente que este responda que a oposición é cómplice del. ¿Como? É que non entendo nada. ¿Acúsanse mutuamente? Isto é de risa, o último que faltaba por oír. Imaxinación non lles falta, está claro. Pero síntome estafada. Non nos toman en serio. A xente quere saber, facer xuízos, e négannos a posibilidade sequera de que o presidente fale no Congreso. Non hai declaracións, e mentres, van falando de Gibraltar, a ver se así se nos esquece o conto? igual que se despista aos nenos. Pero non esquezan que lembran o que querían, e saben o que é arriba e abaixo, diante e detrás, A e B.