Rías Baixas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

23 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A estrada que une Poio con Sanxenxo converteuse nun aparcadoiro ateigado de formiguiñas capaces de percorrer quilómetros polo arcén, albergando a esperanza de atopar un sitio en Areas, xa que na anterior praia, alí onde quedou o coche, a marea alta non deixaba sitio entre as casas e o mar.

A min, en cambio, gústanme os lugares de terreo comido ao mar. Sentada nesas terrazas, síntome tan preto das bateas que sempre imaxino que apañan coas súas propias mans os mexillóns que pido. Cando tardan en servirnos, esa é a xustificación que sempre dou aos amigos estranxeiros.

Porén, na miña última cruzada non conseguín unha explicación que dar aos turistas desexosos de gastar moitos cartos consumindo manxares da ría de Pontevedra. Sentamos na terraza semibaleira, miramos a carta, decidimos, admiramos a beleza da paisaxe, miramos a carta outra vez, admiramos a paisaxe outra vez, falamos de música, libros e política, volvemos admirar a paisaxe e reler a carta, ollamos o reloxio, saudamos aos camareiros, comprobamos que a terraza seguía semibaleira, admiramos de novo a paisaxe, e quedamos en silencio, vendo os dous camareiros pasar de nós. Disto hai xa catro días e escribo desde alí, onde quedei agardando a que alguén veña tomarnos nota. Cando os ciclistas da Vuelta saian desa batea, igual lles pido que falen coa Deputación de Pontevedra para que avisen aos camareiros de que quero cear. A este paso, cando a ría estea tan contaminada que non haxa mexillóns, o reclamo turístico serei eu, a escritora momificada desta terraza. ¿Algún de vostedes que me le pode dicirlles que quero unha caña e unha ración de navallas coas que agredir ao dono do bar?