Verde marea dixital

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

02 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

L a Voz publicaba o pasado 18 de xuño unha noticia de peso no eido editorial: en Madrid un colectivo de profesores de ensino medio chamado Marea Verde produce textos en formato dixital e edición aberta, sempre disposta a incorporar modificacións.

Os Gobernos trazan programas de materias e os alumnos han de aprender segundo eles. Da mesma maneira han ser avaliados. Ora, nada hai por escrito -con norma e regulamento- acerca dos libros nin dos soportes de exame.

Os libros de papel son caros e non permiten interactividade nin hiperligazóns, textuais ou multimediáticas. Para que un rapaz estude ben con eles, cómprelle ter á man o ordenador, a taboíña electrónica ou, polo menos, un teléfono móbil. Cando atopa un termo descoñecido, alá vai buscar na web...

No mesmo día 18 e nas oficinas do Campus do Mar reuníanse representantes das universidades galegas cun alto funcionario da Comisión Europea, para revisaren o proxecto mariño. O profesor Domingos Docampo asistía á xuntanza como apoio ás explicacións sobre un sistema dixital de transmisión de coñecemento que deixa minimizada a iniciativa da Marea Verde madrileña. Nun intre da presentación comentouse a noticia de La Voz e Docampo precisou: «Unha cousa é defender a propiedade intelectual e outra querer vivir dos dereitos de autor vendendo libros».

É comprensible a inquietude da asociación de editores de libros do ensino. Mais pouco vai poder facer fronte á vontade dos ensinantes sen interese de lucro. Para certas mareas non valen diques.