Non me mintas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Non quero que me mintas. Nunca. Nin cando deixes de quererme. As verdades poden doer, pero non o fagas nunca. Moléstame que non digan a verdade. Non é bo.

Parece que os nosos gobernantes non contan, pois non nos teñen aprecio. Ningún. Por iso nos enchen de falsas promesas que non van cumprir.

Cando paso polas obras sen rematar, cheas de herbas nos arrós, cos desmontes a medio facer, os sinais de obra tapados, sen máquina que traballe? cáeme a alma aos pés. Prometéronnos esa autovía, e aí está, parada. Soterrando os cartos da sociedade. Parte dos nosos impostos, esnaquizados. Outro despropósito.

Non nos prometan nada que non poidan levar a cabo. Mellor sería investir eses euros nun proxecto con utilidade.

Tampouco digan que queren un pacto anticorrupción cando van negociar entre vostedes para ocultar o problema e quedar con parte do pastel. Tanto ten azul que encarnado na política. Uns fan, outros tapan, e todos calan a boca. Veñen ser o mesmo.

Pensei que a xente era unha desmemoriada. E non. A causa é que simplemente dá igual. Iso é o peor de todo. Non nos queda conciencia.

Con todo, por favor, non me mintan máis. Foi suficiente. E excesivo.