V aia por diante o meu descoñecemento diso que se chama ciencia económica. Dito isto, estou convencido de que Galicia podería ser unha rexión europea de primeiro nivel con capacidade de xerar riqueza para os seus cidadáns e contribuír solidariamente ao benestar doutras xentes noutros lugares de dentro e fóra de España.
Galicia ten todo para ser líder mundial, e remarco o termo mundial, da acuicultura tanto no eido da investigación como da produción. Galicia ten o potencial para volver a ser líder na construción naval, dende petroleiros, floteis, etcétera, ata barcos de pesca, pasando por embarcacións de recreo. Galicia ten todo para ser líder español e europeo no sector agrícola, gandeiro, pesqueiro, madeireiro e de produtos derivados (carne, viño, lácteos, mobles, papel, conservas, etcétera). Galicia ten un enorme potencial en enerxías renovables como son a hidroeléctrica e a eólica. Galicia ten unha grande industria téxtil, empezando polo xigante Inditex e seguindo por moitas marcas que conxugan deseño e calidade. Galicia ten unhas formidables condicións para o turismo de calidade porque temos espazos naturais marabillosos, unhas praias insuperables, unha gastronomía exquisita, unhas infraestruturas hoteleiras e unhas comunicacións cada vez mellores. Galicia ten un patrimonio cultural singular e universal: temos unha lingua e literatura propias, temos fermosas cidades e monumentos que son patrimonio da humanidade. Galicia ten unhas escolas e universidades que son quen de formar grandes profesionais e de facer investigacións nalgúns casos punteiras a nivel internacional. Galicia ten unha sanidade pública de primeiro nivel. Galicia ten unha importante industria automobilística, e tamén se vai introducindo, cada vez con máis forza, nos sectores das novas tecnoloxías.
Sen embargo o deterioro económico é patente e os que nos gobernan -Bruxelas, Madrid e Santiago- ou ben nos limitan a capacidade de desenvolvernos ou ben non son quen de promover un tecido industrial forte vencellado a Galicia con proxección internacional. A mala xestión que se fixo nos nosos bancos/caixas e os intereses económicos ¡doutros! están levando a que desaparezan ou deixen de ser galegos; as nosas industrias vanse deslocalizando ou van desaparecendo por falta de traballos e xa temos experiencia negativa de empresas que foron vendidas a capital estranxeiro e que cando non lles convén pechan a fábrica e vanse (por exemplo, a Fábrica de Armas da Coruña).
Galicia ten un enorme potencial para remontar e saír da crise e pode ter un gran futuro se os que teñen a responsabilidade de dirixir o país son xente competente e se deixan de facer política con minúsculas. Mais son escéptico, porque a incompetencia e os intereses creados dos que nos gobernan (antes e agora), engadidos á torpeza da oposición, están a levar a esta sociedade a unha depresión psicoeconómica preocupante.