O 35

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Por moi de letras que sexa un, inevitablemente ten a vida determinada por números, e non me refiro aos que facemos todos a fin de mes. Tamén polas palabras, obviamente, pero as cifras teñen un lugar moi importante. O día no que nacemos, o talle que temos, os centímetros que medimos, as dioptrías que malogran os nosos ollos, as pulsacións que miden o ritmo dos nosos días? o número que calzamos.

Parece o máis insignificante, porque a xente non se anda fixando nos pés dos demais, e adoitan pasar desapercibidos. ¿Pero que pasa cando calzas un diminuto 35? Pois iso podo dicilo eu: estás rodeado de complicacións.

No verán, vas tirando coas tendas de nenos. Pero cando chega o inverno, que en Galicia vén durando un 90 % do ano? xa non, pois só che ofrecen botas planas con flores pegadas, ou debuxos de bonecos, bruxiñas, pompóns colgando? Vamos, como para ir traballar desa guisa e que che tomen en serio. Imposible. Xa non digo nada se pretendes levar un pouco de tacón, que precisamente os que temos o pé pequeno non é que sexamos xirafas, así que non nos viría nada mal. Pero? ¡non se fabrican!

¿Como? ¿Que están dicindo? Pois iso, repiten dende o outro lado do mostrador, pois nin se molestan en ensinarme un modelo. Menos do 36, as marcas que temos non fabrican.

Saio mareada da tenda? e vou a outra, claro. ¿Para que? Para escoitar a mesma canción. ¡Horror! ¿Que fago?

Señores fabricantes, teñan piedade? que os pés pequenos (cal tribo india) non temos ganas de ir descalzos pola rúa, menos en inverno.