Política e paus

OPINIÓN

15 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A os estafados das preferentes e demais non lles abonda con teren perdido os seus aforros -e aquí non pasou nada- senón que, ademais, están aturando unha chuvia de multas gobernativas, porque ás autoridades non lles parece estético que protesten, que molesten aos políticos ou que perturben a paz e o plácido sono dos caloteiros.

Multas que nalgúns casos chegan a 1.600 euros, o que, xunto coa práctica imposibilidade de recurso, veñen ser verdadeiras medidas represivas impropias dun país civilizado. Unha boa maneira de contribuír a ese enxendro que se coñece por marca España, ben alimentado polo caso Gürtel, pola actitude co avión de Evo Morales, pola privatización da sanidade, pola crecente pobreza que o país padece e seguirá padecendo...

Non hai peor política que a das mentes simplificadoras: ignorada a complexidade resolveuse o problema. É a política, como ben se sabe, dos autoritarios, dos que temen á democracia, dos incapaces para procuraren solucións que equilibren intereses -que niso consiste a política-, dos que non se liberan do autoritarismo simplificador de onde proveñen.

É manifesto que se está recuando a esa fonte orixinaria do totalitarismo, a uns tempos nos que a forzas da orde eran primeiro forzas represivas e logo todo o demais. E faise á marxe e en contra de leis da maior xerarquía legal -art. 21 da Constitución española sobre o dereito de reunión pacífica, por exemplo- e ao abeiro da práctica imposibilidade de recorrer, outra triste achega destes tempos.

Parece que Madrid e Pontevedra son campións nesa manifesta incapacidade para entender a política, na facilidade para humillar a xente xa ben humillada, máis ben aldraxada, na súa insensibilidade para encararse con intelixencia a un problema que a todos nos debera dar vergonza, como é o de facer política a paus.