Ilusa de min! Pensei que con isto da crise todos nos volveriamos un pouco máis responsables, discretos, permisivos e incluso bos. Pero non. Nada máis lonxe da realidade. Entendo que o mundo, en xeral, vive cabreado por esta situación que nos afoga, e quizais sexa iso o que nos faga seguir sacando o mal humor e igual carácter cara a fóra. É de xustiza que a xente proteste nas portas das entidades bancarias para reclamar a devolución dos seus aforros. Porque, por se alguén non se deu conta aínda, os cartos son dos cidadáns, non dos bancos. Claro, como estes os utilizan coma se fosen da súa propiedade, un xa chega a dubidar? Pero non, somos nós, o pobo, quen llos prestamos ás entidades bancarias. Pena que estas teñan o mal costume de xogar con eles e non devolvelos.
E postos a protestar, tamén debemos alzar a voz contra a corrupción política, os delitos fiscais, os recortes excesivos e a suba de impostos, entre outras cousas, porque hai moitos motivos máis.
Protestamos na rúa e nas redes sociais, nova plataforma de expresión e visualización. Aquí todos protestan e critican. E cando un xa colle carreira? maldín os programas de televisión, os libros, as cancións, o clima, as declaracións? Semella que só andemos a buscar erros alleos para comentalos. ¡Podemos cansar! ¡Os humanos cometémolos a centos! Eu, que erro continuamente, hoxe déixolles aquí a man aberta, un bico e un sorriso. Porque destes non abundan tantos. Levan, quizais, moito máis tempo en crise.