Meniña gaiteira


A gasallamos en Trasalba, na casa grande de don Ramón, a Cristina Pato (Ourense, 1980), unha das nosas artistas con maior proxección internacional, á que a Fundación Otero Pedrayo concede o premio que leva o nome desta pequena patria, balcón dos Chaos de Amoeiro, vestida hoxe de gala coas candeas acesas dos castiñeiros. Agasallamos a Cristina e ela tamén nos agasalla a nós, coa memoria dos versos de Rosalía que abren o libro inaugural do noso Rexurdimento: «Has de cantar, meniña gateira?».

¿Que sería de Galicia sen gaiteiros (agora gaiteiras)? Dende os capiteis románicos aos salóns da nobreza máis requintada, dende as cantigas do rei Afonso aos escenarios do Lincoln Center ou o Carnegie Hall de Nova York, dende as carballeiras do Avia ás prazas de Buenos Aires, hai un aturuxo común que, coma un fío de aceiro, nos activa. Lembrade a Lorca cando ten que falar dos galegos do mar da Prata. Lembrade a alborada gaiteira de Francisco Añón, Nicomedes Pastor Díaz ou Xoán Manuel Pintos. Lembrade o príncipe de Rosalía, «de pano sedán vestido», o afoutado roncón do de Penalta, o punteiro civil de Curros? E a saga dos Cachafeiro de Soutelo de Montes que retratou Castelao? E o Ricardo Portela de Viascón. E os Carril. E os Seivane? E o gaiteiro de Forcarei? E o de Ventosela? Ou aquel Xohán de Boimorto que consolaba os navegantes nas calmas interminables do mar dos Espellos? Logo viñeron os Ferreirós, as Faíscas do Xiabre, Milladoiro, Carlos Núñez, Luar na Lubre, Berrogüeto, Xosé Manuel Budiño, Óscar Ibáñez? ¡E as rapazas! Susana Seivane, Mercedes Peón, Cristina? Que distinto este mundo daqueloutro dos avós, neste caso afortunadamente.

Meniñas gaiteiras? En gran medida, Cristina Pato, dacabalo entre Ourense e Nova York, paseando o seu talento por medio mundo, represéntanos a todos / todas e encarna o zume novo que necesitamos: intelixencia e corazón. Intelixencia para construír dende a disciplina e o traballo (tamén dende a lexítima ambición) as bases necesarias para alzar, acaso recompoñer, o edificio común que nos preocupa. ¡Galicia segue a ser o gran soño posible! Nestes tempos de angostura e dificultades, a intelixencia, o estudo, o coñecemento esixente (crítico) da realidade, cada quen dende a súa especialización, son valores de primeiro nivel a cultivar e reivindicar.

Intelixencia e corazón. Porque sen sentimento nada ten sentido. Sentimento da terra, dicía Vicente Risco. Mais a terra son, fundamentalmente, os homes e as mulleres que a habitan. Na gaita grileira de Cristina a terra é a xente nova que a soña e decote a fai posible, dentro e fóra das nosas fronteiras (alí onde hai galegos está Galicia), co seu esforzo e coa súa lealdade, pois sabemos que somos dun tempo e dun país, dun asento e dunha patria, tamén dunha lingua, que a nosa homenaxeada leva decote nos beizos e no corazón. Sen corazón non hai pulo para que o sangue regue as cortiñas. Sen corazón (ritmo, músculo, enerxía) tampouco existiría a música. «¡Que feira, rapaza, se cantas faremos..!». Beizóns.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos

Meniña gaiteira