6,5

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

28 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Gustaríame saber, de aplicarse á política o baremo do 6,5 para decidir se un debe ir á universidade ou dedicarse a outra cousa, quen dos colegas de partido do ministro de Educación debería estar agora picando unha rúa ao sol, en lugar de comodamente sentados nos seus escanos e vanagloriándose dun estilo de vida ao que moitos chegaron grazas a que unha bolsa de estudos inventada por un Goberno do PSOE financiou os seus anos de dedicación ás Mocidades do PP. Porque estarán comigo en que, fóra de casos contados e vistas as xenialidades das Cospedales (en diferido), dos Florianos (de prístina transparencia), dos González Pons (o retornado), dos Montoros («la vida es así»), das Báñez (a Virxe e o paro), das Matos (un Jaguar no garaxe debe ser un bicho), ou dos Rajoy (hilillos), o único que merecería unha bolsa dentro do PP é ese cráneo privilexiado chamado Luís Bárcenas. Claro que tamén moitos militantes do mesmo partido dese Wert que decide que o que non chegue ao 6,5 é idiota, seguramente puideron decidir dedicarse á política simplemente porque, sendo idiotas de remate, podían pagar as taxas universitarias.

Wert, en fin, fainos un favor subindo o baremo da idiotez, con universidades cheas de ricos parvos que terán que competir cos máis brillantes dos pobres. Porque, non se enganen: poderán rectificar a nota para acceder a unha bolsa, pero lograrán que os estudantes que teñen que traballar para pagar a matrícula se teñan que exiliar da universidade. E antes de que alguén escriba unha carta ao director preguntándome que faría eu, velaquí: taxas diferentes segundo a renda. Que impopular, ¿verdade?