Deixounos a primavera, coma un vento que pasa e non volve, varrendo todo ao seu paso. Os ventos só miran cara adiante, nunca volven atrás. E aínda que faga frío, son coma un refacho que procede do deserto, queimándoo todo ao seu paso, espallando un pouso de dor e sequidade melancólico.
Así foi esta primavera. Pasou sen ser vista. Sen o sol de maio que nos quece a alma, sen a luz branca das tardes que medran, sen o acougo ao cabo do día, sen a posibilidade de ver coma o sol se esvaece trala liña do horizonte.
Debeu fuxir de nós, preparándonos un comezo de verán chuvioso e tristeiro, gris, coma o mundo. Unha primavera bañada en preferentes, subordinadas, caso Bárcenas e instituto Nóos. Unha primavera de recortes, baixadas de soldos, desafiuzamentos, despidos masivos e complicados ERE. Unha primavera de cidadáns con dúbidas e preocupacións e dirixentes políticos sen respostas nin credibilidade.
Unha primavera de cinza e fume despois da batalla e treboada. De asolagamentos e afogos. Deixounos a primavera. Acabamos con ela. Aínda nos quedan o amarelo e ocres dos toxos, as xestas, as mimosas. Ata hai campos de estalotes malvas. Pero non hai ollos ledos que a miren. Hai pupilas cansas, desilusionadas, que miran cara abaixo porque non atopan horizonte. Chegará o verán, para rematar de abrasarnos. Ou quizais non. Recibímolo con choiva. Igual acaba por afogarnos. Se eu fose a primavera tampouco querería saber nada deste mundo revolto. Fuxiría coas cores da esperanza.