É ben difícil buscar traballo. Non hai en ningures. Leo neste periódico reportaxes sobre galegos que marcharon a Suíza, coma fixeran seus pais, e o panorama resulta desalentador.
Mozos e maiores na procura dun soldo. As estratexias son as mesmas para todos. Versatilidade e adaptación. Traballar do que sexa, do que saia, do que haxa? Pero non aparece nada, porque non hai.
Un apúntase no paro, e agarda inutilmente unha chamada. Envía canto currículo pode a calquera anuncio da prensa. Apúntase, como non, ás páxinas de Internet. Hai infinidade de portais, e en todos deixamos petición de traballo. Aparecen ofertas, pero nunca se resolven favorablemente. De feito, ás veces nin se resolven. E como non hai un posto que ofrecer, a cambio infórmanche de todos os cursos que podes facer para ir formándote e non perder contacto co mundo laboral. Así que un pensa que eses cursos son de balde, porque se pides traballo, é que non o tes, e polo tanto, a economía anda frouxa.
Pois non. Cursos e másteres por unha cantidade de cartos normalmente bastante elevada. ¿Como cren que os imos pagar? Satúrame tanta oferta de cursos de pago, cando o que quero é gañar cartos, non gastalos. Pedimos traballo, ¿non está claro?