Paradoxos das becas

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

14 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Xa é ben coñecida a historia do investigador Diego Martínez Santos, galego de Foz, a quen se lle denegou a beca do programa Ramón y Cajal de investigación.

O que todo o mundo pensou é que se trataba dun caso de desleixo -non miraron ben o currículo- ou de tráfico de influencias -déronlle a beca aos parentes ou discípulos de alguén con poder-. Pero a razón podería ser outra que apuntou o delegado en España do Laboratorio Europeo de Física de Partículas no que o mozo focense estivo contratado durante tres anos: «Quizá a comisión quixo dar preferencia a outros investigadores de máis idade para os que esta era a súa última oportunidade de acceder a unha Ramón y Cajal».

Eu coñecín de preto un caso parecido. A un alumno meu, que xa tiña varios traballos de investigación, negábanlle sempre as becas que solicitaba. Puiden coñecer que a razón era que na comisión pensaban que cun currículo tan excepcional «víase que non necesitaba a beca para abrirse camiño». Hoxe é catedrático nunha universidade de Estados Unidos.

Oxalá que esa equivocada teoría sobre as becas, que non se dan aos mellores senón aos máis necesitados, non nos faga perder tamén ao investigador galego.