Mulleres

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Mulleres de sol e chuvia, mar de fóra e terra adentro, resistentes, vigor e alento. Mulleres rotas polas palabras, berros, urros, de machotes e machistas. Gardo para vós os versos todos da tribo nosa, galega, libre no recanto do noroeste, aquí, onde o solpor recita unha sonata de beleza. Hai dous días foi no blog dun concelleiro de Cambados, nacionalista e de esquerda. Hai meses na boca dun militante do PP, que levaba o apelido Castelao, tan próximo e libérrimo. O machismo resulta repugnante, veña de onde veña. Porque o machismo non ten cor nin ideoloxía, funesto e perverso. A semana pasada, por exemplo, un periodista recoñecido de Madrid falaba de «Soraya da Vinci» e invitaba á vicepresidenta do Goberno a coidar máis do fillo e marido. Semella que para o periodista, tan oufano e infalible e relevante, ese era o lugar da señora Santamaría. Apenas se escoitaron reprobacións.

A min, porén, pareceume unha declaración machista. Non sucedeu nada: o periodista importante infalible relevante de Madrid é paradigma do politicamente correcto (¿por que algúns teñen bula?). Un intocable pola intelectualidade ou mundo político cultural. Silencio. O silencio é cómplice do machismo, que vén sendo o primeiro paso do maltrato de xénero: ese que exerce o home sobre a muller. Eu falo delas. Porque elas son as que máis len esta columna: cómplices. Elas son Marta e Concha, que quero que se levanten cada día cun horizonte máis limpo. Detesto os machotes. Aborrezo ese clan de soberbios que vilipendian. Veñan de onde veñan son nocivos e tóxicos. Non aman a palabra que hoxe escribo: de sol e chuvia, mulleres.