Botamos a vida pagando débedas. Continuamente, coma se nunca tiveramos nada de noso e deberamos favores. Débedas algunhas eternas. Tamén as hai que pagamos con gusto, como as que temos cos pais ou amigos. Pero as que abundan son as que supoñen sacrificios, as peaxes da vida. Para ter unha casa, hipoteca vitalicia. Para parecer esveltas, subirse en tacóns imposibles. Para ter un coche, pagar impostos. Para estar guapos, facer deporte e evitar certos alimentos. Todo sufrimentos, algúns económicos.
Por se fose pouco, ao utilizar certas vías é preciso tamén pagar peaxe. Nalgunhas delas despois de prometer que serían gratuítas. ¿Podemos engadir algo máis? ¿Cren que é imposible? Pois podemos.
É grave que algunha autovía, da que son usuaria habitual, non está en bo estado, e as labores de mantemento son escasas durante todo o ano, con maior perigosidade nas épocas invernais.
Continúo. Pese a haber dispoñibles catro ou cinco cabinas, só están abertas unha ou dúas, coas conseguintes ringleiras de condutores desesperados que se forman.
A listaxe de despropósitos non remata ata dicir que o lector de tarxetas non funciona. ¡Nin persoal, nin medios!
Se queres pedir unha folla de reclamacións, porque che obrigan a pagar en man, formas unha ringleira de coches aínda maior, e o traballador nin sequera sabe se ten que asinar ou non, e pregúntacho a ti.
Chegas á casa enfadado. É a peaxe a pagar por xuntar uns poucos euros e pagar o combustible que che permite ir a casa a fin de semana e ver a familia.