O primeiro que vin foi un cartel: «A Xustiza non se vende. Non á privatización do Rexistro». Alí estabamos, no Rexistro Civil, fachendeando da nosa filla de seis días, contentos de facer dela unha cidadá. «O seu primeiro contacto coa Administración», dicíamos mentres aparcabamos, con ese ton entre cursi e pastelón co que un se dirixe aos bebés.
«Non podedes inscribila», dixo a funcionaria, estoupando a nosa burbulla de corazóns. «¿Onde a inscribo se estades empadroados en cidades distintas?». «Pois aquí, onde a traemos, que é onde vivo eu que son súa nai, ¿ou estamos obrigados a vivir xuntos para poder rexistrar unha nena?». «Ide rexistrala onde naceu». «¡Pero se naceu alí accidentalmente!». «Pois é o que di a Lei». A Lei, así, en maiúsculas. Irrevogable. Inamovible. Tradicionalista. O concepto de lei dos xuristas que os intelectuais e científicos nin consideramos. Como sería inútil razoar isto coa administrativa, o meu home científico fixo a pregunta clave: «¿Que lei?». «Espere que consulto». Aos cinco minutos estaba rexistrada.
Foi unha típica iniciación administrativa, si. Longa espera. Formularios absurdos. E todo en castelán, pero nin me atrevín a esixilo en galego por medo a que a nena quedase ilegal no seu propio país.
Pouco se perde con privatizar isto, pensei ao saír de alí, moito menos orgullosa, moito máis avergoñada, desexando que a nena lidere unha revolución antisistema.