A mocidade e o paro

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

26 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O desemprego é de seu unha traxedia social, a evidencia dun grande fracaso na resolución dos problemas económicos, e un drama persoal. Mais cando afecta selectivamente ou con maior intensidade á mocidade, que ve truncadas as súas expectativas vitais e non recompensados os seus esforzos formativos, a dimensión política do problema increméntase. Máxime cando, como sucede cos mozos e mozas de entre 19 e 25 anos, nados en plena democracia, poden caer no erro de atribuír a responsabilidade da súa situación (coma algúns intencionadamente pretenden) ao sistema democrático en si, e non ás políticas específicas que desenvolveu algún goberno pasado.

Entre a nosa mocidade o paro acada cifras insoportables, cunha taxa da orde do 54 % na media española (sete puntos menos en Galicia). Unhas cifras que, por moito que se poidan matizar estatisticamente, requiren unha acción política específica. Porque é certo que as persoas que acceden por vez primeira ao mercado laboral atópanse co problema típico da falla de experiencia, que leva aos empresarios a contratalos de xeito temporal (a proba); un feito que a dualidade (traballos fixos-traballos precarios) derivada da normativa laboral aplicada nos últimos anos tendeu a agrandar. Tamén é certo que a crise castigou con especial dureza aos sectores da construción e da hostalería, onde atoparan emprego moitos mozos que, precisamente polo crecemento esaxerado deses sectores, abandonaran prematuramente os seus estudos. Finalmente, a formación condiciona a capacidade da mocidade para inserirse no mercado laboral. E o sistema educativo español está xerando dous problemas só aparentemente contraditorios. Por unha banda, nunha parte significativa da xente nova, un baixo nivel formativo, que ten o seu maior expoñente nun fracaso escolar no entorno do 31 %. Na outra, a sobreeducación: mentres que en Europa a proporción de estudantes que ingresan na formación profesional (FP) ao finalizar o ciclo das ensinanzas obrigatorias rolda o 60 %, en España seguen o bacharelato aproximadamente dúas terceiras partes dos que rematan a ESO.

Cómpre, en definitiva, atallar os tres problemas, fundamentalmente mediante unha maior coordinación entre o tecido produtivo e os centros educativos, para que as empresas se involucren na dimensión práctica da educación e para que os centros formativos oferten, á súa vez, ensinanzas máis acordes coas oportunidades laborais que realmente existen na contorna económica. A reforma laboral e a formación profesional (FP) dual que o Goberno de España ven de introducir son pasos decisivos no camiño axeitado; como o é a aprobación da estratexia de emprendemento e emprego xuvenil recentemente concertada cos representantes empresariais e sindicais. Un camiño no que Galicia xa leva un treito percorrido desde o 2009. O diálogo social propiciou o programa Forcon, polo que desde o 2012 se conta en Galicia cun contrato de formación de entre 1 e 3 anos para os mozos con menor nivel formativo. O fracaso escolar reduciuse e está agora dez puntos por baixo da media española. Potenciouse a FP coa adaptación á nosa realidade produtiva de 75 ciclos formativos; na rede de centros integrados, nos que o profesorado comparte a docencia práctica coas empresas, estudan xa o 34 % dos estudantes de FP; e desde esta pódese acceder a máis de 30 graos universitarios. Como resposta, o número de estudantes de FP pasou, entre o 2009 e o 2012, de 34.000 a 48.000. A taxa de estudantes que ingresan na formación profesional ao rematar a ESO é do 55 %, preto da europea. Moitos deles poderán aproveitar a existencia de viveiros de empresas en nove deses centros integrados para poñer en marcha a súa propia iniciativa empresarial.

O resultado, en termos de emprego, percíbese levemente. Pero Galicia conta con vantaxes comparativas. Xusto no momento no que datos como o de que, por vez primeira na democracia, España acadou o superávit comercial, comezan a alumear o final dun túnel tan longo e fondo como os desequilibrios económicos que os actuais responsables políticos teñen que resolver para evitar a traxedia social, o gran fracaso económico herdado, e o número inaceptable de dramas persoais que supón a existencia de semellante número de desempregados, sobre todo na mocidade.