O galego

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Levas o recendo do mar, carqueixa e torvisco en primavera, miña lingua. Séculos de historia danzan na túa pel, cicatrices, glorias e derrotas. Lume no adentro, corazón de Nós. Es de todos, non só daqueles que no teu nome queren repartir cédulas de identidade. De todos, tamén dos que comparten contigo a outra lingua que falamos neste país bo e xeneroso. Galego de Concha e Marta, que dende cativas falan contigo e dende ti. Galego de afiador e mariñeiro, de avogados e outras marabillas, con v e b escritas en vocabulario distinguido. Galego de noite, para dicir lúa, e de día para pronunciar todas as voces da tribo. Ámote dende min, como te aman case tres millóns dos galegos de nación que aquí habitamos, e centos de miles que na distancia choran millo de morriña, escuro. En ti comulgamos todos. Todos, insisto. Porque naciches sen excluír a ninguén nin a nada, naciches de abaixo, sen leis nin leguleios, pero capaz de conquistar a lírica máis prodixiosa do mundo. Naciches libre e libre continúas, e viva, enteira, sublime, harmónica, lingua milenaria do meu pobo. En ti e por ti proclamo o teu valor altísimo e perdurable. Falarte é abrazar. Sen imposicións, pero con vigor e ánimo. Sen ataduras, libérrima e luzdivina, ferro de todas as trabes (de ouro ou alcatrán) que sosteñen o lar de Nós: para respirarnos. Ámote para que non morras, é dicir, por sempre. Ámote dende o fondo das feridas, incluso cando calo. Ámote para que vivas, resistas, poidas, conquistes, crezas, ilumines o mundo co teu sabor de cereixa. Lingua, miña lingua, lingua miña que te quero. Feliz mañá, amor. Feliz día, Galicia.