Abominacións

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Dúas noticias terribles ocuparon a semana pasada a atención de todos os medios de comunicación: as rapazas secuestradas en Cleveland e as nenas de seis e sete anos que en Sevilla dous pais intercambiaron entre si para abusar sexualmente delas, co consentimento das nais.

O máis sorprendente para min é que eses dexenerados levaban unha vida aparentemente normal. O de Cleveland reunía na súa casa amigos para facer música e os de Sevilla supoño que terán familia, amigos e veciños que os consideraban xente corrente.

Este horror podería evitarse, polo menos en parte, se os que poden alertar sobre el non decidisen ollar para outro lado. Un amigo do de Cleveland di agora que en varias ocasións el oíu ruídos estraños na casa e que, ao preguntar que pasaba, o secuestrador díxolle que tiña uns cans no faiado. E o amigo deu por boa a resposta.

Iso lembroume de que noutros tempos as familias nas que nacía unha criatura cunha minusvalía mental e física tíñana practicamente secuestrada. A familia ocultaba a criatura como algo vergonzoso. Hoxe, por fortuna, iso non sucede, pero algo daquel comportamento da sociedade segue vixente: medo a comprometerse, indiferenza ou exceso de prudencia axudan a que abominacións como as citadas perduren ao longo dos anos.