«Made in Spain»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

13 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Como reino ou república, con Cataluña ou sen ela, España non vai deixar de existir porque é unha forma de civilización (vista dun xeito «de secano» desde Madrid e doutro, universalista, desde os portos de mar). Spain seguirá en boca de miles de millóns de humanos que falan globish, lingua franca derivada do inglés. E cómpre defender a vixencia e o futuro do Made in Spain. Se para algo están a servir as crises paralelas que vivimos en España -a institucional, a económica e a social- é para que os enxeños se agudizaren e xurdiren ideas: fronte aos servizos xa demodés, a industria moderna; fronte ao tixolo e o cemento, os produtos de alto valor engadido. Mais iso implica unha revolución industrial sen obreiros a bateren co martelo ou a viraren o parafusador, choios repetitivos propios de robots. E non haberá nela mariñeiros expostos a cabos e coitelos, porque amarrar e cortar vai ser cousa de autómatas. Na cadea de produción, desde a extracción á embalaxe, hanse necesitar operarios con alta cualificación profesional. Tras deles, técnicos de bata branca, da automatización. E, aínda por tras dos tecnólogos, científicos a investigaren. Fracasado o programa de país de González e Aznar, o Made in Spain con calidade non vai ter sitio para 2 millóns de inmigrantes sen formación, en canto precisará do retorno de 200.000 emigrantes formados. Ese é o maior reto social de Rajoy ou de quen o suceda.