Intereses e obediencias

Yolanda Díaz TRIBUNA

OPINIÓN

O grupo parlamentario de AGE interpelou no pleno ao presidente da Xunta sobre a situación das pensións en Galicia ao tempo que denunciou que o seu comportamento móvese entre obediencias alleas e intereses espurios. Para nós é unha prioridade, porque o sistema público que as garante é un dos instrumentos fundamentais da protección ás persoas, un piar do benestar que hoxe está ameazado, porque os bancos buscan áreas de negocio alternativas ás hipotecas coa complicidade do Goberno.

O PP fai o traballo sucio ao xerar incerteza sobre a solvencia do sistema para promover os plans privados. Mais o fai, sobre todo, ao deteriorar de continuo os dereitos dos pensionistas, empeorando tanto as condicións de acceso á xubilación como reducindo a contía das pensións. Porque a pensión media en Galicia, en febreiro do 2013, é de tan só 715 euros ao mes; a pensión máis baixa do Estado, ao cobrar de media un 16 % menos, 2.000 euros menos cada ano. Pero iso é a media, que esconde realidades moito máis duras. Por exemplo, a dos 279.257 pensionistas do réxime das persoas autónomas que cunha pensión media de 527 euros atópanse moi por baixo do limiar da pobreza que o IGE establece en 597 euros/mes. E as 63.027 viúvas, que teñen de contía media 383 euros/mes.

Esta situación de precariedade esténdese ao conxunto das mulleres, porque as 397.235 pensionistas de Galicia cobran de media 556 euros ao mes, moi alonxadas da media española e un 10 % por baixo do limiar da pobreza. Si, aínda que sexa duro recoñecelo para o Goberno, a realidade é que a contía media da pensión cobrada polas mulleres en Galicia atópase por baixo da cifra oficial que o IGE marca como limiar da pobreza.

Unhas pensións moi baixas que sen embargo son a fonte de ingresos case única dos 220.000 fogares galegos nos que todos os seus membros teñen máis de 65 anos, nos que viven 328.750 homes e mulleres en total.

E a pesares desta dura realidade, o PP non deixa de agredir aos pensionistas: medicamentazo, suba do IRPF e do IVE. Ou en novembro pasado, ao incumprir a lei e non compensar aos pensionistas pola suba do IPC. E de especular co fondo de reserva das pensións (case 70.000 millóns de euros) coa débeda española.

Agora outra vez, co decretazo de marzo, póñense máis atrancos ao acceso e redúcese a contía das pensións das xubilacións anticipadas. E aínda máis grave, máis inxusto é que o Goberno modifique o acceso ao subsidio dos maiores de 55 anos, unha vía fundamental das persoas maiores expulsadas do mercado de traballo, que en moitos casos xa non poderán acceder a una pensión contributiva a pesares de ter cotizados moitos anos.

Por iso lle preguntamos ao señor presidente: ¿Que lle parece esta situación? ¿Cre que se pode vivir con estas pensións? ¿Non é para sentir vergoña? ¿Comparte os ataques continuados de Goberno central contra o sistema público de pensións? ¿Que vai facer? ¿Ser previsible e irse de vacacións con compañías indesexables mentres resta obediente capataz dos ditados do capital financeiro ou sorprendernos e defender os intereses dos pensionistas galegos?