Teléfonos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

V i ser culpa dos teléfonos, pois cando fago unha chamada a través del para calquera xestión, dáme a impresión de estar a anos luz de quen me pode botar unha man co problema. No caso de empresas, a estratexia pasa por contactar dun a outro departamento. En canto a persoas, as axendas que presentan están tan ateigadas que nunca hai oco para min. Nin medio minuto. Xa prefiro mandar un mail, polo menos estou máis sosegada cando digo as cousas.

O problema foi que ela non tiña enderezo electrónico, por iso levaba apuntados oito números de teléfono nun papel que levaba apertado nunha das mans. Tantos números coma vidas que regalou, as dos seus fillos. Mais, ¿que importancia ten iso? Incomprensiblemente, parece que ningunha.

Ela, ese rostro anónimo, é unha nai que foi abandonada no medio da rúa, ao comezo da noite, por dous dos seus descendentes. Por sorte, alguén a atopou desorientada, e apiadándose da anciá, chamou á policía, que comezou a marcar no teléfono os números daquela lista. Dous deles responderon, coma se fosen unha empresa. Non lles tocaba atendela aquela semana, que a fose recoller o responsable. Probe noutro departamento, vaia. Ata que un deles cedeu.

Aferrouse a aqueles números porque non podía agarrarse á comprensión dos fillos, uns desalmados.

Non se imaxinan o que daría eu porque meu avó volvese apertarme unha man, que nunca quixen soltar, transmitíndome todo o peso da vida no tacto. Non podo entender que haxa quen abandone a súa propia nai. Hainos ben insensibles.