Este é un país de tolos

OPINIÓN

C on toda a suavidade de que un é capaz, digamos que non é difícil concluír que é un país de tolos este en que o presidente do Goberno, de profesión rexistrador da propiedade, nos ilustra con que cómpre reformar a lei que permite o fácil lanzamento dos debedores de préstamos con garantía hipotecaria porque é moi vella. Pero esa lei é do ano 2000, ben recente.

Claro que, ao mellor, o que estaba no seu pensamento é que o vello procedemento da Lei Hipotecaria é rexeitable ao non permitir oposición do executado. Pero tampouco: ese procedemento xa non existe, despois da lei do ano 2000, que si conserva aquela facultade unilateral de execución, agás nuns casos moi concretos e fóra do procedemento.

O problema vén das chamadas cláusulas abusivas na contratación, que pouco ou nada teñen que ver coa Lei Hipotecaria. Pois aínda que a lei as prohibe e as persigue, pode que haxa que reformala para mellor garantir a transparencia da contratación e a seguridade de que ningún contratante sexa enganado, ademais de poderen ser alegadas nalgúns supostos como oposición á acción executiva.

Por outra banda, a prensa informou estes días de que nun exame para aspirantes a mestres de primaria, algúns dos participantes non acreditou sequera un nivel propio do primeiro ensino, demostrando unha ignorancia fóra de todos os parámetros imaxinables, como ben informaron e subliñaron os medios.

Entre as manifestacións do presidente e o caso dos aspirantes a mestres hai toda unha escala de ignaros manifestos -académicos que non saben ler, intelectuais que pensan moi pouco, incapaces gobernando o país...- que ben acreditan que estamos nun país de tolos. Pero non se sabe que tratamento poden recibir nese manicomio. Nin sequera se tal tratamento existe.