O Nobel reflexivo

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

03 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Anthony J. Leggett, Premio Nobel de Física en 2003, pasará a semana que vén en Galicia. Leggett é físico teórico, e foi premiado por axudar a comprender o fenómeno da superfluidez, que se observou por primeira vez no helio a 271 graos baixo cero. Nesa temperatura, os seus átomos únense nun estado colectivo que permite que o conxunto flúa sen ningún tipo de viscosidade, a diferenza dos líquidos que nos son familiares (se o metemos nun recipiente, escapa trepando polas paredes). Estes comportamentos só se poden explicar no marco da chamada física cuántica, que rexe normalmente na escala atómica.

O abraiante dun superfluído é que nos permite ser espectadores dun fenómeno cuántico a nivel masivo, a simple vista. Pero os intereses de Leggett sempre foron máis aló de problemas particulares, porque a través deles intenta profundar nas bases da física, reflexionando sobre os seus fundamentos. Quizais por iso foi considerado un dos cinco físicos vivos máis influíntes do mundo, mesmo cando aínda non recibira o Premio Nobel. Entre outras cousas, aquí explicaranos por que o tempo non pode ir cara atrás.