«Drones» para todo

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

23 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

N as últimas semanas armouse grande rebumbio en todo o mundo por culpa dos drones, robots voadores que poden mesmo ameazar o segredo do próximo conclave papal: hainos tan pequerrechos coma os abellóns dos que toman o nome, e pódense coar polos regandixos da capela Sixtina para espiaren o labor dos cardeais.

Fóra chanzas, o mundo mira con preocupación o uso dos avións non tripulados que violan o espazo aéreo de calquera país para espiaren e mataren inimigos de quen os posúe e manexa (EE.?UU. e Israel). En consecuencia érguense voces a clamaren por unha regulamentación ad hoc, mais tarde piaron: unha vez máis na historia, a tecnoloxía adiantouse á lexislación.

Se non se lle poden pór valados e cancelas a todo o campo, menos se lle van poder pór redes ao aire para evitarmos que os robots voadores anden a fungar dun lado para outro. Coma sempre as técnicas aplicadas á guerra deron lugar ao florecemento da industria de uso civil; de maneira que cómpre afacerse á idea duns ceos cheos de drones a recoller e entregar medicamentos, pizzas e tortillas, como hoxe se fai en moto; ou apagando incendios forestais.

A aviónica e a robótica están aí, para o ben e para o mal. Vista a proliferación dos aparellos e as súas aplicacións, haberá que fomentar o seu uso pacífico e regulamentar como usalos.