A presidenta da Comisión Nacional do Mercado de Valores admite que este organismo e o Banco de España deberan anticiparse ás irregularidades cometidas na venda de participacións preferentes.
Ben. Agradezo o xesto de humildade e o recoñecemento da parte do erro. Esa sinceridade déixame un pouco máis tranquila. Non é que solucione nada, pero polo menos, tampouco se lava as mans, coma é o habitual facer en todos os desaguisados que nos están caendo a diario miremos a onde miremos.
Tamén son consciente de que unha vez que acontecen as cousas é máis sinxelo ver o problema que cando se está xerando. A comprensión pode chegar ata aí. Pero non máis. Así que deixen de pedirnos que o entendamos, e moito menos que fagamos un sacrificio máis.
Cometéronse erros, pode pasarlle a calquera. Pero non somos parvos. Deixen de tratarnos como tal dunha vez. Non mintan. Non digan agora si e dentro de cinco minutos non. Non nos fagan crer que seguen as pautas da legalidade e que iso é o que determina os actos, para ter que desmentilo aos dous días. ¡Nin sequera iso! Que o único que fan é darlle a volta á tortilla e punto, coma se antes non negasen a posibilidade. Do totalmente imposible, ao feito. E nós, coa boca aberta. Para que entren moscas, moscóns e todo tipo de parasitos.
Nin se me pasa pola cabeza que pidan perdón. Non aspiro a iso, só a un mínimo de respecto ao cidadán. Aínda debera quedarnos dignidade.
Se non saben anticiparse aos problemas, intenten poñerlle solución, e castigo. Por aí podían comezar.