N on recordo qué pasou antes da crise. ¿De que falaban os noticiarios? Parece incrible que existise algo máis alá diso e a corrupción, pois só falamos de dificultades económicas e fraudes.
Antes? ¿que había? ¿Que contaban os telexornais? Fagamos memoria. ¿Ou é que a crise xa nos leva azoutando tanto tempo que é imposible rescatar as lembranzas?
Hoxe só escoitamos crise, número de parados, corrupción, desfalcos, abusos, e ás veces cóase algún caso de indultos, crimes case impunes, e delitos que quedan sen castigar. Ben, nunca nos inundaron as boas novas nos noticiarios. Accidentes. Traxedias. Asasinatos. Vítimas de violencia.
Pero houbo máis. O fito da elección de Barack Obama como presidente dos EE.?UU. A loita antiterrorista. Os avances tecnolóxicos e científicos, aínda que non se lles dá suficiente pulo. Novas leis. Os cambios climáticos. As catástrofes naturais, ou nucleares. A fin da guerra de Irak.
¿Xa non o lembramos? ¿E da Eurocopa, cando menos? Levantounos o ánimo durante meses... Ben, seguimos apoiándonos nos deportes para os problemas, certo é. Pero? hai máis. Que non nos borren a memoria. Nin para o bo, nin para o malo. Conseguiuse moito, por iso debemos seguir loitando. E perdemos demasiado, polo que debemos reclamar e esixir dereitos.
Fagamos memoria, señores. Por favor. E fagamos tamén algo. Non quero que me conten os problemas, quero que me falen dese posible pacto contra o desemprego. Diso si deberan falarnos dende os noticiarios e o poder.