H ai unhas semanas, unha excelente investigadora galega presentou a súa candidatura a unha praza de profesora fixa dunha potente e histórica universidade centroeuropea. A calidade do seu currículo e a súa competencia fixeron que fose finalmente a gañadora, pero relatoume o calvario do proceso: irregularidades nas comunicacións dos prazos de celebración das probas (o que lle impedía facer unha previsión na preparación do material), membros do xurado que tiñan algún candidato apadriñado (e eran suaves con el, mentres que coa galega eran crueis)... ou sexa, un proceso con carencias de garantías de equidade e transparencia. Voulles contar outro caso: o dun colaborador meu que fixo hai anos un máster en Alemaña. Rematou cunha das máximas notas, pero padeceu varias calamidades: dende ineficiencia burocrática e organizativa ata faltas de profesionalidade do profesorado. O peor é que volveu cunha formación que, segundo as súas palabras, «é inferior á que se dá en moitos sitios de España». Son países con máis recursos que España para a ciencia, pero o seu capital humano non é mellor que o noso: téñano claro.