Días de treboada

*+Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

24 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Estes días morreron tres persoas a causa do vento: dous homes esmagados por un muro e unha muller por unha cancela metálica. Todo o mundo sabe que nas tormentas non hai que poñerse debaixo das árbores porque atraen os raios, pero os días de vento todos tendemos a refuxiarnos ao carón dos muros ou debaixo de marquesiñas ou aleiros dos tellados, que son precisamente os lugares máis perigosos.

O vento non só mata senón que tolea á xente. Hai un estudio feito sobre a tramontana que demostra que, por onde sopra, a porcentaxe de tolos é maior da media. Do tumbaloureiro, que eu saiba, non se estudaron os efectos, pero seguro que son os mesmos.

Só aos nenos pequenos lles gusta o vento. Cando eu era nena os días ventosos agarrábame as rexas do adro da catedral de Mondoñedo, daba un salto e conseguía flotar no aire uns instantes. Aquilo gustábame, pero o vento facía saír as arañas dos seus recunchos e arrincaba as tellas dos tellados, ¡cousa mala!

Mais con todo, o vento que nestes días nos azouta non é o peor dos nosos males. Un sentimento de impotencia e de noxo invade á cidadanía. Ben podemos dicir, como os escravos de Nabucco, «¡Oh, mia patria si bella e perduta!»... E non é por culpa da natureza.