Cando escribas a túa biografía debes constatar que estabas vivo, que apurabas os instantes, que amabas, soñabas tempos mellores, que unha luz na fin de cada túnel agardaba por ti. Cando escribas, debes asegurar que houbo noites e houbo días e que todas as noites e todos os días forman parte do teu adentro, sen exclusión. Non coñezo un biógrafo máis sobresaliente que James Boswell, o home que redactou un dos meus libros fundamentais e ao que regreso unha e outra vez: Vida de Samuel Johnson. Todo o libro é un acto de amor. Boswell asegura que Johnson era o mellor de todos os homes. Sinala as súas virtudes; a fundamental, o seu vigoroso intelecto; e non oculta vicios: a procrastinación (postergar todo o postergable), a vehemencia, os seus hábitos excesivos. Boswell e Johnson viviron xuntos non máis de catrocentos días. Aquel dedicou sete anos a re-construír a existencia do amigo. Dedicouse a ese labor en corpo e alma. Boswell morreu novo, vítima de excesos lascivos e alcohólicos, pero deixou para a posteridade un libro exemplar. Un libro de libros, auténtica lección literaria e un dos legados eximios, así o creo, da historia da humanidade. O seu secreto é o candor, autenticidade: vida vivida lonxe de prexuízos e consignas. A vida sen outra luz maior que a vida mesma. De libros e taberna, de diálogo e discusión, de lucidez e vigor intelectual. A vida é moito máis que este parque temático da actualidade: todo mentira. Cando escribas a túa biografía debes constatar que estabas vivo, que apurabas os instantes, que unha luz na fin de cada túnel agardaba por ti. Amar, soñar: vivir, en fin.