Reformas e consenso

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

20 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda non pasou un ano desde a celebración do último debate sobre o estado da autonomía en Galicia. Naquel mes de marzo, os dous grupos maioritarios da Cámara, que o seguen a ser despois das eleccións de outubro, acadaron importantes acordos en materia de reforma da Administración local galega, reflectidos na aprobación de cinco propostas de resolución co apoio dos dous grupos. Na primeira, acordábase impulsar todos os procesos de fusión voluntaria dos concellos. Na segunda, poñer en marcha un marco de incentivos para a prestación conxunta de servizos locais. Na terceira, nomear unha comisión de expertos, a proposta da Administración autonómica, local e dos propios grupos parlamentarios, para elaborar un informe sobre as diferentes alternativas de organización da Administración local en Galicia, e os seus custos e beneficios. E na cuarta e quinta, respectivamente, facilitar a transferencia de competencias e recursos desde todas as Administracións a favor das áreas metropolitanas que se constitúan e para solicitar da Administración do Estado unha reorientación das deputacións cara á atención preferente das necesidades dos concellos con menos de 20.000 habitantes.

Naquelas mesmas datas Grecia reducía a mil (fusionando) os seus preexistentes 6.000 concellos. Un feito que permitiu evidenciar, como moi adecuadamente informou La Voz de Galicia aqueles días, que o estraño non era o acontecido no país heleno (aínda que si o fose o procedemento, impulsado tras a intervención da economía grega pola Unión Europea), porque a mesma redución xa se tiña desenvolvido na meirande parte dos países europeos desde os anos sesenta do século pasado, mesmo naqueles nos que a Administración local gasta máis do dobre (un 25 % do total) do que o fai en España: Inglaterra reducira á cuarta parte o número de concellos; Dinamarca á quinta parte; e Escocia á sexta, por citar só algún exemplo. O que deixaría a Galicia, extrapolando os divisores, nun número de concellos comprendido entre os 79 e os 53.

Unha das contribucións máis senlleiras ás ciencias sociais, senón a que máis, do recentemente falecido nobel de economía James Buchanan foi a de enfatizar, tanto teórica como empiricamente, a importancia do consenso en torno ás normas de rango constitucional. O consenso, traducido na práctica en acordos políticos e/ou amplas maiorías reforzadas en torno ás normas institucionais básicas, promove un marco de legalidade estable que optimiza o benestar do grupo social a longo prazo. Malia que, como o mesmo Buchanan argumentou, os decisores públicos democráticos teñen fortes incentivos para pensar e actuar máis no curto prazo que pensando no longo (con consecuencias desastrosas cando de déficit público falamos), se a discusión e debate entre os representantes políticos xira cara aos marcos institucionais, a racionalidade dos actores impúlsaos a pensar no longo prazo, xerándose un marco de incentivos no que o consenso en torno a esas institucións é factible.

No ámbito da reforma local, os casos inglés, escocés ou danés parecen exemplificar ben o antedito. O caso grego (semellante, no ámbito da redución do déficit estrutural, ao caso español cando o Partido Socialista en consenso co PP impulsou a reforma do artigo 135 da Constitución) parece indicar que ás veces son necesarios estímulos e incentivos máis potentes para propiciar os pactos sobre o entramado institucional básico. O exemplo do reposicionamento xeral do Partido Socialista no ámbito da reforma da Administración local, tanto en Galicia (non apoiando a recente fusión voluntaria en Oza e Cesuras, ou en relación coa área metropolitana de Vigo) como en España (apoiando un día e rexeitando ao seguinte o papel das deputacións) evidencia a dificultade de impulsar reformas por consenso no noso país, por moi necesario que sexa axustar unha Administración, a local, configurada no contexto do século XIX, á realidade do século XXI; e por moito que a crise e a cidadanía estean a reclamar, a moi curto prazo, reformas significativas no noso modelo de atribución de competencias entre niveis de goberno.

Quizais a explicación sexa que algúns responsables políticos non só adoecen, como expresivamente adxetivou o admirado Buchanan, de miopía. Semella que, ademais, padecen de presbicia, o que lles impide ver que as reformas a longo son xa unha necesidade a curto prazo. Un mal, o da vista cansada, asociado ao paso do tempo e que por elo parece que afecta con maior intensidade ás organizacións políticas de idade máis avanzada; pero que se soluciona cunhas sinxelas lentes desas que agora se ofertan a pares polo prezo dunha.