Estou implicada

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

E stou implicada.

Non. Non é en ningún delito fiscal. Ultimamente a palabra implicado só nos leva a pensar en malas ideas? Pero non é este o caso. Eu estou implicada, si, pero na vida. Na miña vida. Nesta que me tocou vivir e na que tamén elixín.

Porque implicarse é facer parte dun mesmo aquilo no que realmente cre. Loitar por iso, sentilo e, como non, sufrir tamén moito.

E eu decidín implicarme por completo na vida desde ben cativa, sentindo todo de maneira intensa. Por iso, reconforta enormemente atoparse no camiño con xente igual de comprometida. A ONG Implicadas/os no Desenvolvemento vén de celebrar a súa gala solidaria anual. Xa van oito. Nela contou con diversos representantes da cultura galega que se entregaron ao público a través de distintas propostas e espectáculos. Os asistentes responderon con emoción, contaxiada a mancheas a ambos lados do escenario. E todo isto co obxectivo de colaborar no desenvolvemento dos países do sur, apoiar a necesidade dun cambio, de eliminar a discriminación, de loitar pola igualdade.

Do pouco bo que ten esta época de crise é decatarse e constatar que a solidariedade non mingua. Pola contra, as propostas de axuda social e cidadá semellan manterse máis fortes e rexas ca nunca.

Así pois, eu, implicada. Inevitablemente.