O 17 de maio de 1863 saían do prelo de Juan Compañel, en Vigo, os primeiros exemplares de Cantares gallegos, título co que a historiografía inaugura o Rexurdimento das Letras Galegas, liderado pola gran tríada: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez, á que eu sempre engado o poeta e xornalista ourensán Valentín Lamas Carvajal. Con eles iníciase un camiño que viña preparado de atrás, dende o pensamento dos Ilustrados do século XVIII (Sarmiento, Cornide Saavedra, Pedro Antonio Sánchez, Lucas Labrada) que son quen primeiro centran o debate en Galicia como problema e, ao mesmo tempo, como esperanza, ou como tarefa, parafraseando a Valentín Paz Andrade, para empezar a coñecer e a transformar a realidade.
Cúmprense 150 anos da primeira saída de Cantares gallegos e 160 anos da primeira edición das foliadas de A gaita gallega do pontevedrés Xoán Manuel Pintos, acaso o máis sobranceiro dos precursores (autores anteriores ao Rexurdimento) xunto con Francisco Añón, de quen neste ano que remata lembramos os 200 anos do seu nacemento. «Galicia, boi de palla, canta lástima de ti ten o gaiteiro», laiábase o pontevedrés.
As efemérides son como marcos que axudan a andar o camiño, referencias da memoria compartida. Lembralas (traelas canda nós) implica repasar o que significaron e, asemade, unha oportunidade para reflexionar sobre o presente. Todo pasado ten o seu espello no futuro, que cómpre saber ler. En 1813, vai facer agora 200 séculos, Manuel Pardo de Andrade, primeira gran figura do xornalismo galego, publicaba na Coruña Os rogos dún gallego establecido en Londres, coa técnica do romance de cego, alegato contra a Inquisición a prol dos valores da nova cidadanía. Non deberíamos deixar pasar tampouco esta data, nin a ocasión para a reflexión e o debate.
Vindo máis preto de nós, 1963 foi un ano bastante excepcional, malia as circunstancias políticas da ditadura: inaugurase en Vigo a Fundación Penzol, o gran tesouro documental da cultura galega e do galeguismo, obra do bibliófilo Fermín Penzol Labandera, a cal ata case a súa morte foi dirixida por Francisco Fernández del Riego, de quen este ano se cumpre o centenario do seu nacemento na vila de Lourenzá. En 1963 créase o Laboratorio do Formas de Galicia, iniciativa de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo co apoio do galeguismo exiliado que paseniño empezaban a volver de América e lanzaban o proxecto Sargadelos, Ediciós do Castro, o Museo Carlos Maside? Outra cuestión para reflexionar. Cincuenta anos de historia.
Tamén nese ano 1963 empeza a publicarse de xeito constante a revista Grial, que fora censurada en 1951, primeiro proxecto de Editorial Galaxia, que afortunadamente segue activa. E nese mesmo ano celébrase o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía de Castro, iniciativa da Real Academia Galega que non fixo mais ca medrar. Efemérides abondo para a reflexión, repito. Incluídos os 30 primeiros anos da Lei de Normalización Lingüística (15 de xuño de 1983) á que me refería na marea da semana anterior.