Non sei a vostedes, pero a min parécenme excesivos sete anos de cárcere por compartir dúas papelinas, tendo en conta que aquí indultamos a unha panda de policías torturadores e aplaudimos que exladróns se presenten a unhas eleccións.
Refírome á historia de David Reboredo, un vigués que cometeu o crime de enfermar de drogas cando non era máis ca un crío. Non crean, David era un camelo cutre de barrio que traficaba para sacar tallada para si, non é un Charlín; e agora acaba de ingresar en prisión por dous delitos de tráfico de drogas que, en realidade, cometeu no 2006 e no 2009. Nada orixinal. Pero resulta que, polo medio, David curou. Leva 3 anos limpo, sen delinquir e mesmo militando en toda canta cousa solidaria hai en Vigo. Será un delincuente, pero creo que David é un cidadán máis exemplar ca min.
E velaí o está agora, no cárcere, o lugar ideal, co máis graúdo desta sociedade, rodeado de bonitas ideas para o crime, e milleiros de horas de tempo libre para pensar na súa vida chunga, na discapacidade do 45 %, no pai cego, no inxusto que é todo. Por iso el e outros 25.000 piden un indulto, unha das poucas cousas que o presidente pode decidir só, sen preguntar a Bruxelas, igual que decide só perdoar a evasores fiscais, a estafadores de toda caste, a nobres e aristócratas descarados. David, ese tipo difícil do Calvario cuxa vida se resume no triste nome do seu barrio, pensará agora en qué estraña sorte lle tocou para que xustamente a el ninguén lle preste algo tan barato coma a liberdade despois de tantos anos preso de si mesmo. A fin de contas, David nin sequera lle fixo mal a ninguén. Vai estar 7 anos no cárcere por dúas estúpidas papelinas de heroína.