«Un modelo de encanto e cortesía»

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

16 dic 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Pouca dúbida hai das escasas simpatías que Margaret Thatcher tiña cara ao socialismo en calquera das súas formulacións políticas. Sen embargo esa é a expresión literal que utiliza nas súas memorias para reflectir o que sentía polo ex primeiro ministro español, Felipe González: simpatía por quen consideraba un «modelo de encanto e cortesía». Non deixa de ser curioso que o xuízo que lle merecía o principal líder na historia do socialismo español á líder máis emblemática do conservadurismo europeo veña a coincidir, basicamente, co que emiten boa parte dos cidadáns de España ao cumprirse os trinta anos da súa lendaria vitoria electoral do ano 1982.

É certo que o xuízo dos seus coetáneos é máis controvertido no atinxente ao seu último mandato (1993-1996) pola súa manifesta incapacidade para afrontar a corrupción e as irregularidades (gales, roldáns e demais inesquecibles episodios) que, finalmente, provocaron a súa derrota (aínda así «doce»). Pero poucos poderían discutir a relevancia histórica das reformas e transformacións que impulsaron os seus Gobernos na década dos oitenta. Modernización económica que, paradoxalmente por vir dun Goberno socialista, foi sinónimo de liberalización, desregulamentación e apertura dunha economía, a franquista, baseada nun intervencionismo, un proteccionismo e unhas restricións da competencia que só cara ao seu final se foron relaxando. Un desempeño económico que no seu día non estivo exento de controversias e fortes críticas desde a esquerda (polas reconversións naval, téxtil ou do metal), pero que non lle fixo perder apoios electorais excesivamente significativos a González por moito que, a maiores, estivese acompañada doutros rechamantes incumprimentos do programa «polo cambio» (os famosos 800.000 novos postos de traballo que se converteron en 800.000 parados máis; ou o non, de entrada, á OTAN).

Aquela etapa de transformacións da economía, como se lembraba estes días na prensa, comezou tamén con outro importante incumprimento dunha promesa reiterada polos socialistas na campaña electoral: aínda non se celebrara o primeiro Consello de Ministros e Boyer xa decretaba unha desvalorización da peseta do 8 %. Ou o que é o mesmo, o empobrecemento de todos os españois nun 8% en relación coas rendas e os patrimonios do resto do mundo. Un empobrecemento, vía desvalorización da moeda, que os sucesivos Gobernos de Felipe González chegaron a realizar catro veces máis (dúas no ano 1992, e nos anos 93 e 95), totalizando unha perda do 55,6 % do valor de cambio da peseta en relación coas restantes moedas europeas; como demostra o paso do valor de conversión da peseta desde o ECU (106 pesetas / ECU) ao euro (166,386 pesetas / euro). Unha forma sinxela de gañar competitividade xerando empobrecemento, que segue a ser a receita máxica de algúns persoeiros, como Krugman, quen suxería unha desvalorización do 20 % no ano 2010 como solución da crise económica en España.

Os procesos e as causas das reformas económicas que estamos a vivir non son, fronte ao aparente, nin excesivamente novidosas nin excepcionais en termos históricos. O resultado global do proceso de adaptación ás esixencias da Unión Europea (por moito que esta necesite á súa vez reformas) é francamente positivo. As sucesivas, difíciles e basicamente coherentes entre si reformas económicas impulsadas polos Gobernos de González e de Aznar fixeron que, pese á parálise reformista da etapa Zapatero e o empobrecemento xeral que España está a sufrir nos últimos anos (agora directamente, sen a pantalla deformadora da desvalorización), a renda española por habitante pasase dos 10.600 euros do ano 1982 aos 22.500 de finais do 2011 (en euros constantes do ano 2010).

Nestes tempos, nos que cómpre dar continuidade ás reformas que dan cumprimento ás esixencias da construción europea impulsadas entre 1977 e o 2005 por Gobernos centristas, socialistas ou populares, políticas que son as que garantirán o noso benestar futuro (como demostra a experiencia do pasado), a lección de Felipe González resulta moi interesante. Comezando polo que eloxiaba nada menos que a mesmísima Margaret Thatcher: todo resulta máis sinxelo cando se fan as cousas con encanto e cortesía.