Simples curiosidades

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Sento fronte o ordenador e pouso as mans sobre o teclado. O documento está en branco, e dubido sobre qué escribir. Non sei se me sobran temas, ou me faltan. Quixera falar de algo diferente, xa resultan demasiadas as inxustizas: preferentes que deixan fogares sen recursos, abusos de poder, criminais que sorrín dende a rúa, comentarios desafortunados dos que dirixen, diferentes tipos de ditaduras que gobernan polo mundo, problemas en sanidade, incremento brutal de parados? e máis curiosidades de Díaz Ferrán, que citaba aos amigos no restaurante de seu irmán e forzaba a empresarios a contratar aos seus colaboradores. Xa o tomamos coma iso, simples curiosidades a engadir ao circo que hai montado.

Ante tal desastre, miña irmá opta por evitar as novas da actualidade. Mira fotos de hai anos, e axiña compartimos recordos e comentarios.

Alí estamos as dúas, diante do Cason, que hai 25 anos chegou á nosa costa, facendo evacuar varios pobos da comarca. O silencio, coma aquel que nos atemorizou hai tanto tempo, volve a nós intacto. As imaxes inúndannos por dentro, tardando en verbalizalas. Despois daquel estoupido, fuximos do descoñecido, por precaución. Percorremos quilómetros afastándonos do perigo. En canto puidemos regresar, abrimos de novo a porta da casa.

25 anos nos que non melloramos moito en defensa da costa, en protección do medio ambiente. Un cuarto de século e seguimos fuxindo. A emigración inunda xa o mapamundi case completo. Máis maletas para fuxir, agora da fame.