Despois da folga xeral e das manifestacións do 14 de novembro, co propósito de combater os graves efectos sociais da crise económica-financeira, o presidente do Goberno estatal, Mariano Rajoy, teimou de novo na política de austeridade e de desmantelamento dos servizos públicos de carácter universal, alimentando ademais a ilusión de que un crecemento de décimas do produto interior bruto no 2014 anunciaría a superación do peor da depresión que padecemos.
Pasados catro anos desde o estalido da crise en EE.?UU. e na UE, Rajoy segue sen recoñecer que o sucedido no Estado español foi moito máis alá, evidenciándose nese momento graves alteracións económicas e sociais que, tendo un carácter particular, viñan de lonxe. Foran aniñadas durante catro lexislaturas baixo Gobernos que propiciaron un masivo endebedamento especulativo e desbaldiron os recursos que lle foran confiados en obras suntuarias e innecesarias, ignorando a mellora das actividades produtivas e pondo en risco o Estado de benestar. É iso o que explica o cruel desemprego existente. Mariano Rajoy pretende ocultar que despois de todo o que pasou nos últimos dezaseis anos -con gobernantes como José María Aznar, presumindo de estar mellor que Alemaña, ou como José Luis Rodríguez Zapatero, gabándose de criar máis empregos que no resto da UE-, custará anos e anos materializar a política de desenvolvemento económico e de capacitación tecnolóxica, profesional e empresarial esixida polas circunstancias. Fai que non sabe que se o crecemento preciso pode ser favorecido polo que suceda na Unión, iso nunca abondará.
O alcance das mobilizacións convocadas polas centrais CC.?OO., UXT e CIG, con unha saliente participación da sociedade galega, coincidente coas levadas a cabo en Portugal, Grecia e Italia e con formas diferentes noutros países co apoio da Confederación Europea de Sindicatos, poderían, en cambio, anunciar unha mudanza no rumbo na acción das organizacións sociais, asumindo por fin a importancia decisiva do espazo europeo para superar os propósitos perversos do capitalismo neoliberal, defendendo tamén aí e conxuntamente os servizos públicos de carácter universal e os salariais conquistados, fronte á pretensión de desmantelalos e reducilos coa evocación perversa á competencia no «mercado global».
Despois, a presidenta de Brasil, Dilma Rousseff, en visita oficial e na conferencia de prensa en Madrid, mostrou ante Mariano Rajoy posicións semellantes ás das organizacións sociais, recordando os efectos desastrosos das políticas impostas en Latinoamérica polos poderes políticos e financeiros do capitalismo ultraliberal que en 1989 asinaron o chamado Consenso de Washington, que agora paira sobre a Unión Europea. Rousseff defendeu a necesidade de pór en primeiro plano o desenvolvemento das actividades produtivas, a creación de emprego e a loita contra a exclusión social, de maneira que o necesario equilibrio das contas públicas se levase a cabo nun horizonte alargado. Propugnou esa política desde a experiencia do seu país, con ela agora e antes con Lula da Silva, onde liberándose das receitas ultraliberais e malia ter unha renda por habitante moi inferior á do Estado español, se achegan inxentes recursos á loita contra a exclusión social e a pobreza, rescatando a millóns de persoas, sen prexuízo da realización de grandes investimentos para potenciar a economía e mellorar os servizos públicos. Dito isto, a presidenta do Brasil quixo loar a importancia das institucións comunitarias, afirmando que «a Unión Europea é unha das mellores creacións do ser humano», e salientou o seu papel central na economía mundial e a función do euro como moeda común. Quen coñeza Brasil sabe dos seus esforzos por impulsar a creación dunha institución latinoamericana, unindo a todos os Estados que a compoñen, de Venezuela a Arxentina, e do valor que con ese obxectivo lle dan á experiencia da UE.
Non foi o caso do presidente do Goberno español, que no mesmo acto insistiu nunha política suicida, que en lugar de integrar a todos expulsa a unha parte fundamental da nosa sociedade cara á precariedade extrema.
Dilma Rousseff falou en portugués. Para nós, nun galego diáfano. Cando a presidenta do Brasil falaba en galego, Mariano Rajoy, mágoa, puxo o auricular para recibilo en castelán.