«Treme»

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

18 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Veño de ver o derradeiro capítulo de Treme, unha serie de dez entregas que a HBO realizou para a televisión arredor da desfeita que o furacán Katrina provocou no ano 2005 na cidade de Nova Orleáns: en parte sobre a catástrofe do Katrina e en parte, non pouca, sobre a deficiente xestión das autoridades naquel momento. Nada máis velo pensei no Prestige, que arestora cumpre dez anos, e en que ben saben explotar os americanos as súas catástrofes, incluídas as Torres Xemelgas ou Pearl Harbor. Mágoa dun director e un produtor cinematográfico que soubese tirar partido da épica, a solidariedade, a forza social, a enerxía cívica, o exemplo de valor e dignidade daqueles días nas praias de Galicia.

A serie está moi lograda. A cidade de Nova Orleáns eríxese coma un gran espazo dramático no que, a través da ficción, construída sobre acontecementos reais, revisamos non tanto os días da catástrofe como o que sucedeu despois: o esforzo da cidadanía, homes e mulleres dos barrios máis castigados, que eran tamén os máis pobres, que non se abaixan e que, no medio do desacougo, apostan por seguir vivindo: a moza que rexenta un restaurante e o ve todo perdido, o vello xefe de tribo que teima por continuar as tradicións e reconstruír os espazos habitables para os seus veciños, unha parella de músicos ambulantes, os mestres do jazz, un profesor de universidade, unha avogada que non se rende? Cada quen vive a súa propia historia persoal mesturada na historia xeral de días certamente difíciles.

Pero o máis interesante, o máis estimulante, é a forza interior da xente: a capacidade de resposta social diante da adversidade. Algo podemos deprender. Cando as cousas veñen atravesadas, e hai moitos momentos na vida das persoas (e das colectividades) en que iso sucede, o único que realmente nos saca adiante é a vontade de resistir e de non abaixarnos. O peor que nos pode pasar na situación presente, que non é unha catástrofe natural, pero é unha catástrofe, é a depresión. Primeiro a recesión e logo, inevitablemente, a depresión, que nos sume nun estado de impotencia, resignación e derrota que nos afunde definitivamente. Contra iso é contra o que temos que loitar.

As manifestacións do pasado xoves foron unha resposta social incuestionable. Podemos cerrar os ollos e mirar para outro lado, coma os nenos pequenos cando se tapan a cara para non ver o que lles dá medo, crendo que desa maneira o perigo desaparece, ou podemos afrontar o desafío dende nós mesmos e afrontar os feitos. As mobilizacións sociais son preocupantes, porque prenden un facho que non sempre se dá controlado. Pero son a resposta colectiva, dende a base, a uns feitos que ameazan as nosas vidas, o noso proxecto social e colectivo (a propia existencia de Galicia), o futuro dos nosos fillos e o futuro do país, malia os discursos oficiais que intentan poñer cataplasmas ao desastre. No Treme, os barrios pobres de Nova Orleáns tamén se mobilizaron, e saíron adiante, con dous valores que cómpre non desbotar: a fe en nós mesmos e a esperanza.