Hai culpables, hai solucións

Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CC.OO. de Galicia TRIBUNA

OPINIÓN

A topámonos nun dos momentos máis duros da nosa historia recente e nas vésperas da convocatoria de folga xeral do próximo 14 de novembro, tamén convocada en Portugal, Italia, Grecia, Malta e Chipre xunto con multitude de mobilizacións por toda Europa, fronte os ataques aos nosos dereitos laborais e sociais que veñen tamén dende a UE e da chamada troika ao servizo dos poderes financeiros internacionais.

Ataques como as políticas de recortes, que están a aplicar os Gobernos do PP de Mariano Rajoy e Núñez Feijoo, que son inútiles para reactivar a economía e crear emprego, pero que, sobre todo, son inxustos coa maioría da poboación, que ve perder dereitos e empeorar as súas condicións de traballo quen o conserva.

Recórtanse e elimínanse dereitos sociais e laborais, condénase ao paro a millóns de persoas, retíranselles ou se lles reducen as prestacións sociais, empeóranse e degrádanse as condicións dos e das que teñen traballo, pero, pola contra, dáselles un trato moi favorable aos intereses dos defraudadores (amnistía fiscal), das entidades financeiras (rescate), das grandes fortunas (eliminación do imposto de sucesións) ou das grandes empresas (desgravacións).

En Galicia, estase xa preto das 300.000 persoas desempregadas e cun profundo deterioro e destrución do noso tecido produtivo básico (naval, leiteiro, conserveiro, pesqueiro, téxtil). O recorte na rede de servizos públicos, xa de por si escasa, está a ter especial incidencia no mundo rural galego que ten unha poboación moi espallada, en moitos casos avellentada e unha economía cada día máis deteriorada como consecuencia da falta de apoio das Administracións públicas e dunhas políticas de prezos dos produtos agrarios totalmente inxustas e pro-multinacionais.

As consecuencias destas políticas están a facer unha fenda social moi profunda, medrando a desigualdade social e a pobreza. Máis do 25 % da cidadanía vive xa no noso pais por debaixo do limiar da pobreza, os pobres son mais pobres e os ricos mais ricos. O 1 % da poboación ten acumulado o 90 % da riqueza do país. En Galicia, 80.000 familias teñen a todos os seus membros no paro e mais de 90.000 persoas non teñen ningún tipo de ingreso.

Non existe ningún colectivo nin ámbito social ou cultural que se libre das consecuencias destas políticas, agás os poderes económicos e as elites que os representan. Estamos a padecer as consecuencias dunhas políticas que nos levan a un cambio de modelo social, que nos empurran a unha sociedade máis inxusta e menos igualitaria.

Hai culpables desta situación e hai solucións. Hai outras políticas. Hai outra forma de afrontar a crise, sen enganar á cidadanía e na defensa dos dereitos da maioría da poboación. Se os e as que nos gobernan non saben como, que nos consulten cun referendo se estamos de acordo coa desfeita que están facendo.

Se queremos frear as políticas de recortes temos que demostralo claramente o 14 de novembro, o día da folga xeral.