Mal que nos pese non houbo sorpresas o 21-O. Certo que o PP obtivo máis escanos con menos votos, pero tamén que a súa vitoria foi clara á vista de que os que a priori se presentaban como adversarios principais perderon máis.
Difícil de entender que a estratexia de descualificar a alternativa do bipartito que tan bos resultados dera a Feijoo nas eleccións do 2009 lle servise tamén agora. A irrupción, con forza, no último tramo da campaña de AGE axudou ao PP a redebuxar unha alternativa de goberno cuatripartita incoherente, cando non caótica. Sumado a isto, as forzas hoxe oposición puxeron máis énfase en botar a Feijoo para frear a Rajoy que en presentar unha alternativa crible e coherente, salientando con claridade as coincidencias sen por iso ter que agochar as discrepancias.
Agora ben, para desmontar esa estratexia dos populares as forzas que conformaron o Goberno bipartito terían que ter feito autocrítica hai tempo, poñendo en valor os acertos (que os houbo), recoñecendo os erros (tamén os houbo) e sobre todo asumindo que erraron na transmisión da idea de dous Gobernos en paralelo que non sempre se coordinaban. O afán de marcar territorio esixido por unha e outra militancia primou sobre a idea de tarefa común, ou así se transmitiu. Algo parecido pasara co tripartito presidido por Laxe, daquelas con menos transcendencia externa.
Non foi o entusiasmo coa xestión do PP o que lle permitiu manter e aumentar a maioría absoluta senón máis ben os erros da oposición ao non escenificar -reitero, previa autocrítica- unha alternativa coherente. Así, no actual contexto de crise moitos votantes feridos polas políticas do PP pero convencidos de que os cambios hai que facelos dentro do sistema elixiron a opción de Feijoo, como a de menor risco. Non facer crible a existencia dunha alternativa de goberno estable con proxecto coherente co momento e a situación serve para explicar que en tempos de crise, con medidas duras non ben explicadas, sexa a oposición institucionalizada a que máis apoios perda. Neste contexto, os votos a AGE hai que entendelos non tanto como as ansias dun Goberno alternativo no que Beiras tería difícil encaixe senón como refuxio dos desencantados da política institucional ao uso. Son votos a unha nova forma que vai permitir romper moldes e retroalimentar a rabia colectiva que sinte unha parte da sociedade.
Agardemos que uns non entendan que dispoñen dun cheque en branco para facer e desfacer ao seu antollo e que entendan que para afrontar a crise hai que sumar forzas e acordar propostas. Dito isto, socialistas e nacionalistas deben facer unha revisión a fondo non só para superar as súas ás veces cainitas querelas internas renovando caras, proxecto e forma de facer senón, e sobre todo, para reconciliarse coa cidadanía e (re)integrarse no tecido social.