Esperanzas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Esperanzas de levar no peto, ou no reloxo que miras de cotío, no café e no viño, nos ollos que tropezan con outros ollos. Esperanzas para que os soños se cumpran. Esperanzas de xoguete pero en serio, como un diapasón que marca todas as horas. Esperanzas para que os bicos cheguen á alma e non só á boca. Para que non morra a xente de soidade, de mágoa, ou de loucura. Para que o sentido común sexa máis común cada día. Para non verte triste en medio deste gris cinza do outono. Para que un abrazo sexa un abrazo. Para que cando alguén che dea a man, saiba apertar e non deixe os dedos como gomas, fláccidas e falsas. Para que digas quérote unha vez ao día, polo menos (dicir quérote é dicir non morras nunca). Esperanzas para os que non cren nas esperanzas. Para os escépticos e euroescépticos. Para os que ganan, pero sobre todo para os que perden: porque toda derrota é, tamén, o inicio dun tempo mellor. Para os que levan o corazón na lingua e saben pronunciar palabras de amor: non podo vivir sen ti, rula, flor, xílgaro. Para os enfermos, que son ese «outro» que sempre levamos con nós. Para os que coidan dos enfermos. Para a música. Para os que non saben mentir. Esperanzas para Galicia, para esta lingua de pan doce, profunda sonata de Nós. Para os que non cren no futuro, esperanzas. Para que escapen todas as bágoas río abaixo, onde ninguén poida nunca encontralas. Para perderse, esperanzas. Para encontrarse cara a cara con todo o perdido. Para os amigos, ese sangue imprescindible do meu sangue. O mundo non é dos soñadores, pero sen eles non habería mundo. ¡Esperanzas, esperanzas, esperanzas!