O vento

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

24 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ao igual que aconteceu coa idea de democracia elaborada na Grecia clásica, na Idade Contemporánea tamén recuperamos a tradición dos xogos deportivos que disputaban os homes gregos libres cada olimpíada (período de tempo equivalente a catro anos, os mesmos por certo que adoita durar unha lexislatura no noso país). Ao igual que pasou coa democracia, o desenvolvemento dos xogos olímpicos de hoxe en día ten pouco que ver co da Antigüidade, comezando polo dereito de participar en ámbolos dous acontecementos, hoxe universalmente aceptado. Algunhas cousas, sen embargo, permanecen practicamente igual pese ao paso do tempo. Entre elas, a proba do salto de lonxitude. Unha especialidade que viviu, xa na nosa época, un duelo que todo afeccionado ao atletismo non esquece: a final dos Xogos de Tokío do ano 1991.

Aquel 30 de agosto de 1991 Karl Lewis superou por vez primeira, e por só un centímetro, os míticos 8,90 que Bob Beamon saltara na final olímpica de México en 1968; pero o fillo do vento nin sequera puido ostentar o título por uns minutos, pois o seu salto foi invalidado porque o vento sopraba a favor a máis de 2 metros por segundo. Pouco despois, Mike Powell, cun vento máis frouxo pero aínda a favor, logrou o que hoxe segue a ser récord mundial (8,94 metros). Lewis, que tendía a lograr os seus mellores saltos nos últimos intentos, tentou batelo, pero o vento rolara e xa viña pola proa, co que os seus fantásticos 8,87 metros non foron suficientes. Porque, efectivamente, unha cousa é saltar co vento a favor e outra ben distinta facelo co vento en contra.

Por iso, transcorrida unha olimpíada case completa desde as eleccións do ano 2009, calquera análise do desempeño dos partidos políticos nas eleccións do pasado domingo debería ter en conta a dirección, e velocidade, dun vento que en toda Europa tende a varrer aos vellos campións e a soprar contra os partidos maioritarios. Houbo quen saltou a favor do vento e soubo, como Powell, aproveitalo (AGE); e quen tendo a mesma posibilidade quedou lonxe dos seus mellores rexistros (BNG, PSOE). E houbo quen co vento en contra, aínda non chegando á mellor marca persoal, bateu claramente aos demais contendentes, mesmo xuntando os votos de todos eles. Deixando claro que a nosa democracia, como na Grecia clásica, quen goberna é quen quere o pobo. Quen máis votos ten, pese ao vento.