Unha reflexión «post»

Mario López Rico FIRMA INVITADA

OPINIÓN

23 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Anda a me preguntar moita xente -entre ela as miñas fillas Aída e Amaia-, que como é posíbel que coas que leva feito o PP aínda obtivese maioría absoluta.

Unha primeira miña consideración é que o PP non pode dicir que reforza a súa maioría ou que aumenta o seu apoio electoral porque uns 130.000 cidadáns deixaron de votalos dende 2009 ate hoxe, son 130.000 cidadáns que non están de acordo coas súas políticas, probabelmente entre eles se atopen moitos funcionarios que ven como se malla neles inmisericordemente e están dispostos a saír á rúa... supoño e espero. Non lle arrendo a ganancia a Feijoo se pensa que vai ter unha lexislatura tranquila.

Unha segunda consideración: o PSOE perdeu 230.000 votos e o BNG 130.000. É dicir entre tres forzas do «arco parlamentar» 2009-2012 perderon 500.000 votos en conxunto, medio millón de galegas e galegos que suspenden ao goberno... pero tamén á oposición. Algo está a fallar, algo está a pasar.

Creo que estamos ante unha crise do sistema de partidos, mesmo ante unha crise do sistema, todo apunta a un desexo de cambio da forma de democracia representativa de partidos e do xeito de se relacionar as forzas políticas coa cidadanía. Que todas as forzas que conforman un Parlamento perdan un apoio semellante sen que ningunha das presentes recolla nada das outras é algo moi significativo. A homologación e deslexitimación conxunta dentro dun aparente xogo de contrarios é total. Adoita acontecer que os procesos políticos, e por tanto electorais, moitas veces van por detrás dos movementos sociais, da realidade social, de como está a se mover a sociedade civil. Podemos lembrar como trala catástrofe do Prestige e a inxente nobre mobilización cívica aparentemente non pasou «case nada» electoralmente falando -un 2 ou 3 % de baixada a maiores que no resto do Estado para o PP na Galiza nas municipais do 2003-, pero dous anos despois abríronse as portas para un bipartito de esquerda e nacionalista.

Se a isto engadimos que dende o inicio da democracia estamos afeitos, e ate parece que resignados, a que opere un sistema tan inxusto de reparto de escanos como a regra de D?Hont que permitiu que o PP gobernase con maioría absoluta con menos votos que o conxunto da oposición durante a maioría dos anos de vixencia da autonomía galega salvo os 5 anos do Goberno Laxe e do bipartito en comandita BNG-PSOE, pode dar algunha das chaves para interpretar e tentar responder á pregunta que anda a facerse moita xente dende a noite electoral.