E ra dez anos máis nova, dez anos máis inexperta e dez anos máis impresionable. Nestes dez anos, mesmo me afixen a entender que estas cousas pasan para que nada mude, e que, en última instancia, o único que cambia son eu, que camiño cara á vellez e o escepticismo. Porque o mesmo día no que o Prestige emporcou Galicia enteira, eu pretendía comer París aos bocados, e o único que me quedou na lingua foi o sabor agre da vergoña. Naquel outono do 2002 no que fixemos camisetas que dicían «Plus jamais!» mentres imaxinaba un tsunami de chapapote, aprendín que para ter un país así prefería ficar exiliada.
O chapapote do Prestige que se xulga agora é na miña biografía sentimental sinónimo de noxo e de vergoña de nós mesmos e, igual que as nosas praias, tamén emporcou as miñas lembranzas daqueles días de mocidade infinita nos que ninguén me programara nin lágrimas nin enfado apátrida. Sempre asociei aquel outono parisiense do 2002 á memoria negra das praias nas que me bañara no verán. No maxín daqueles días de París que deberan ser de vida alegre, non me quedaron máis cás carreiras do metro á casa para ver o telexornal e entender o desastre en francés. Por iso, nestes días de xuizo do Prestige, pregúntome constantemente a quen dos que aí sentan ou dos que non sentan ante o xuíz debo reclamarlle o meu outono feliz do 2002 que xa non vai volver máis.