A abdicación de Bruxelas

Camilo Nogueira FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Logo da manifestación que reclamou para Cataluña o carácter de Estado, reapareceu a idea de España como nación desde o tempo dos Reis Católicos. Un asunto nada menor, pois inspira elementos da Constitución que, para xustificar un poder estatal único, negan a diversidade nacional interna.   

O tópico da España como nación desde hai 500 anos ignora a realidade dos Estados deses monarcas, que incluía partes das actuais Italia e Francia, e a complexidade territorial dos países gobernados despois polos Habsburgo e os Borbón. Esquece mesmo que foron Isabel e Fernando os que argallaron as unións matrimoniais que conducirían a monarquías de carácter radicalmente diferente.  

Froito deses enlaces, o seu neto Carlos herdaría deles os reinos peninsulares e entidades como o reino de Nápoles ou o Rosellón e a Cerdaña e tamén os Estados do seu avó paterno, o emperador Maximiliano I, que abranguían os Países Baixos, parte da Borgoña, as terras austríacas dos Habsburgo e o Imperio Romano Xermánico. Criado en Flandres, falando francés e neerlandés, sen coñecer as linguas da Península, Carlos V non deveu en continuador da nación dita dos Reis Católicos, senón en monarca dun amoreamento de territorios dos que sairían boa parte dos Estados europeos, ademais dos de alén mar. Andando de continuo por Europa, dado o carácter esparexido dos seus dominios, ficou pouco nas terras dos seus avós maternos. Preso da idea da monarquía católica universal nunca o guiou o propósito de construír un Estado moderno nin menos o de dar vida a unha nación única.    

Felipe II conservou un afán de dominio que o levou a tomar Portugal e a pretender a coroa de Francia para unha filla. Desde 1554 fora rei de Inglaterra e Gales coa raíña María Tudor e, abdicado o seu pai, entre 1556 e 1558 partillaron tamén a coroa do Habsburgo.

Con Felipe III e Felipe IV a Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) trouxo a independencia de Holanda e de Portugal e significou o declive da súa dinastía cando se fortalecían as grandes monarquías europeas.  

Nos primeiros anos do século XVIII, coa Guerra de Sucesión (1701-1713) do Habsburgo Carlos II, as monarquías enfrontadas apropiaríanse do que lle restaba do patrimonio de Carlos V, correspondéndolle a Francia os reinos peninsulares coas colonias. Cando lle entregaba en París a coroa a seu neto Felipe V, Luís XIV advertiuno de que nunca debería esquecer que era francés e que en adiante ambos países terían que verse «como unha soa nación». Suxeitos aos pactos de familia cos parentes de alén Pirineus, os Borbón foron arrastrados a confrontacións sen fin en Europa e en América coa Gran Bretaña.   

Após 1789, coa invasión polas tropas de Napoleón e o levantamento popular de 1808, os Borbóns devolvéronlle ao agresor en Bayonne a coroa que un século antes lle fora concedida a Felipe V polo seu avó. Nos anos que seguiron, coa Península ardendo, Fernando VII permaneceu na Francia convidado polo emperador. Regresaría en 1813 de acordo con el e en chegando reprimiu cruelmente aos liberais que o esperaban e anulou a Constitución de 1812 que aínda daba por españois aos de «ambos hemisferios». Foi este o rei absolutista que acabou co Trienio Liberal dispondo das tropas enviadas polos seus parentes de alén Pirineus.  

Foi no século XIX cando os conservadores e os liberais quixeron fundamentar a nación española nos Reis Católicos. Non sen contradicións, como evidenciou Lafuente ao definilos como «un príncipe ilustre e a princesa máis bondadosa que ocupou o trono de Castela» sen ocultar que criaran a Inquisición.

Nese tempo, fronte ao propósito de configurar o Estado como nación exclusiva, emerxeron as aspiracións nacionais galegas, como as das outras nacións. Terían que baterse coa monarquía caciquil e con dúas ditaduras, respirando só nos raros momentos de liberdade política: o Sexenio Democrático, a Segunda República e neste tempo.

Débese lembrar, para o matinado aquí, que cando, anguriado polo fracaso dos seus proxectos imperiais, o neto dos Reis Católicos abdicou como gobernante dos Países Baixos en favor do seu fillo, falou en francés. Mais adiante, sempre desde Bruxelas, melloraría a Felipe II cos reinos peninsulares. Cando en 1557 atravesaba o Canal cara Yuste era saudado por unha flota enviada pola súa nora María Tudor.