Unha oportunidade perdida

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

14 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Existen posibilidades certas, cando menos non deben desbotarse, de que o Partido Popular non obteña a maioría absoluta nas eleccións do próximo domingo. Ten razón o candidato Núñez Feijoo cando di que unha cousa é sair cos barcos e outra distinta volver co peixe nas redes. O peixe, que somos nós, anda un algo extraviado. Confuso. E cabreado. Agradecemos os debates que nos ofreceu a televisión pública a semana pasada, con extraordinarios índices de audiencia, por certo, e que deron pé a máis debates e máis faladoiros en emisoras de radio (públicas e privadas) e na segunda canle de TV de cobertura autonomica (VTelevisión). A sociedade está bastante máis atenta do que parece. O elevado índice de indecisos non quere dicir indiferentes, aínda que non vaian logo a votar. Indecisos quere dicir confusos, desconcertados, poida que indignados contra as ofertas que concorren, en ningún caso desmotivados.

Existen posibilidades, repito, de que o PP non obteña a maioría absoluta para gobernar nas condicións e coa folgura con que o ata agora o veu facendo. A diferencia dun escano arriba ou abaixo é unha marxe moi escasa. Igual que sucedeu na campaña anterior, sospeito que esta última semana vai ser decisiva. ¿Que vai pasar o día 22? ¿Cantos escenarios posibles?

Eu diría que fundamentalmente tres: que o PP acade os votos suficientes para seguir no Goberno como ata agora, que a oposición restitúa con máis ou menos acerto a idea do bipartido (non parece moi doada outra incorporación, mesmo que acade representación parlamentaria, aínda que nunca se sabe) e que alguna das candidaturas se arrisque a gobernar en minoría, con pactos puntuais ao longo da lexislatura: fundamentalmente o PP, que sería a lista máis votada. Pero tamén alguna outra opción (ou outras), tal como está a suceder no Concello de Vigo, por exemplo.

En calquera caso, a cidadanía ten a palabra o próximo domingo. E aquí é onde entra a confusión. Os candidatos do PSdeG-PSOE e o BNG perderon unha oportunidade magnífica para explicar ese futuro posible. Coa experiencia do bipartito, onde houbo que improvisar en vintecatro horas acordos de goberno, posicións non claramente definidas, propostas nalgúns casos contraditorias, repartos de poder pouco claros; coa experiencia do bipartito, digo, os dous primeiros partidos da oposición tiveron daquela a oportunidade de presentar un programa común que a audiencia non coñece e que debería coñecer.

Para min ese era o debate máis novidoso e interesante. Os outros dous eran previsibles. ¿Que van facer o PSdeG-PSOE e o BNG se teñen oportunidade de volver gobernar xuntos? ¿Que cousas non volverían repetir? ¿Que novas fórmulas de cooperación ensaiarían? ¿Onde cren que erraron e deberían corrixir? ¿A que renunciarían por ambas partes para establecer un proxecto eficiente e estable? Estou seguro que dentro das organización este debate existe. Esa sería, na miña opinión, a gran baza ilusionante para convencer á cidadanía (os indecisos) cara ao cambio necesario. Tiveron esa oportunidade. E deixárona pasar.