A frase do presidente do organismo que representa aos españois no exterior ( «las leyes son como las mujeres, para violarlas») saca á superficie algo fondamente arraigado no subconsciente colectivo. Polo que se refire ás violacións de mulleres, Eduardo Pondal, gran poeta e autor da letra do Himno galego, deulle forma poética a esa idea nos versos de Queixumes dos pinos, na voz dun violador que, como o raposo á galiña, ou o azor á pomba, considera á muller a súa presa natural (Pilleina antre?os pinos soia) e con máis altura literaria en Esquiva rapaceta, unha bonita anacreóntica na que a muller equipárase a elementos da natureza dispoñibles para a man que pasa, ou á egua nova que se entrega ao macho que a desexa. En canto á violación das leis, a sabedoría popular pariu unha sentencia moi repetida aínda hoxe : «O que fixo a lei fixo a trampa», sentencia que non é en absoluto condenatoria senón mera constatación dun feito, e da que a finalidade é advertir a quen non queira cumprir a lei que hai un camiño para eludila, artellado polo mesmo que a fixo. Que o señor José Manuel Castelao ( ¡que pena ver este apelido en tal situación!) teña que dimitir e desculparse é sinal de que esas cousas xa non poden dicirse, pero tamén de que aí seguen... e non hai que baixar a garda. Pondal, sen dúbida, non levou á práctica esas ideas, pero deu expresión a algo que moitos compartían.